Preto de 400 persoas comezaron a traballar nos últimos días nos 16 obradoiros de emprego postos en marcha na provincia

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou aos participantes do proxecto que promoven Castroverde, Pol, Riotorto, A Pastoriza e Ribeira de Piquín

Lembrou que a Xunta financia con algo máis de 4 millóns de euros as iniciativas que impulsan 39 concellos de Lugo

Lugo, 3 de outubro de 2017
  • whatsapp

Preto de 400 persoas desempregadas incorporáronse nos últimos días aos obradoiros de emprego que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria na provincia de Lugo.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou hoxe aos participantes do obradoiro que promove o concello de Castroverde en colaboración cos de Pol, Riotorto, A Pastoriza e Ribeira de Piquín, que comezaron a traballar o pasado venres. Balseiro indicou que nestes días deron comezo 16 dos 17 obradoiros de emprego aprobados pola Xunta, quedando pendente de inicio só o de Sarria.

Estas iniciativas, subliñou, “supoñen unha oportunidade de recualificación profesional para os máis de 300 alumnos traballadores que son contratados”, aos que hai que sumar preto dun cento de contratos entre directores, persoal de administración e monitores.

Os alumnos reciben formación teórica e práctica, ao tempo que desempeñan un traballo remunerado realizando obras ou servizos de interese social en beneficio dos municipios implicados. Ao rematar, obteñen un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.

Balseiro lembrou que a Consellería destina algo máis de 4 millóns de euros a financiar os obradoiros, que involucran a 39 concellos da provincia. Os trece obradoiros xerais incrementaron a duración de 6 a 9 meses. Hai ademais catro obradoiros Yei especificamente dirixidos a menores de 30 anos.


O Castro III

 

O delegado territorial mantivo un encontro en Castroverde cos participantes do obradoiro O Castro III, que conta con 20 alumnos e alumnas dos cinco concellos promotores e desenvolverá traballos en toda a área ata finais do mes de xuño de 2018.

O obradoiro recibe un investimento de 279.959 euros da Xunta de Galicia e imparte formación de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Os participantes realizarán nos vindeiros meses tratamentos silvícolas e de repoboación da parcela As Arroxas e da área recreativa Veiga do Olmo, en Castroverde.

Igualmente, realizarán tratamentos silvícolas, plantacións e mantemento de mobiliario urbano nas parroquias do concello de A Pastoriza; tratamentos silvícolas na ruta de Romeor e nas carballeiras de Mosteiro e Rioxoán, en Pol; en varias parcelas de Riotorto, onde tamén se podará o arborado da ruta de sendeirismo dende A Veiga a Ferreiravella; e nas rutas de sendeirismo e camiños forestais da Ribeira de Piquín.

Durante a visita, o delegado estivo acompañado polos alcaldes de Castroverde, José María Arias; A Pastoriza, Primitivo Iglesias; Riotorto, Clemente Iglesias, e Ribeira de Piquín, Roberto Fernández. Tamén asistiu a xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, entre outros.

Outros proxectos

Os outros proxectos que deron comezo nos últimos días son o impulsado polo concello de Outeiro de Rei compartido con Castro de Rei e Cospeito; o promovido polo concello de Ourol e compartido con Muras e O Vicedo; tamén o de Xove compartido con Burela e Cervo; o de Vilalba compartido con Abadín; o do Corgo compartido con Guntín e O Páramo; o de Rábade compartido con Begonte e Friol; o de Carballedo compartido con Chantada; o de Barreiros compartido con Lourenzá e Trabada; o de Quiroga compartido con Folgoso do Courel e Ribas do Sil: e os promovidos polo Concello de Lugo e a Deputación provincial.

Igualmente, deron comezo os obradoiros Yei que impulsan os concellos de Lugo, Ribadeo e Monforte, e o de Pantón xunto con Sober e O Saviñao.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2017