A Xunta destina 200.000 euros ás bolsas de inicio de estudos universitarios

Teñen como obxectivo cubrir o importe da matrícula do alumnado que acceda á educación superior cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171005/AnuncioG0164-260917-0001_gl.html ) a convocatoria de axudas para o inicio de estudos universitarios no curso académico 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia, ás que se destinan 200.000 euros. Estas bolsas teñen como obxectivo cubrir o importe da matrícula do alumnado que inicie a educación superior e que acceda a ela cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos; que non poden obter as axudas do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Os interesados dispoñen dun mes de prazo –a partires de mañá- para solicitar as axudas, que se deberán tramitar por vía electrónica na sede https://sede.xunta.es.

O importe das axudas para cada beneficiario vai desde os 862,9 € para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura e dun máximo de 618,1 € para as titulacións da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Entre outros requisitos, os aspirantes ás axudas deberán estar matriculados por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do SUG dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao; e non estaren en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.

No curso 2016/17recibiron estas bolsas un total de 99 estudantes. Ademais, a Consellería convocará tamén as axudas para a continuación de estudos no SUG, das que no ano académico anterior se beneficiaron 170 alumnos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/10/2017