A Xunta destaca a importancia do labor coxunto entre administracións e empresas para garantir a seguridade laboral

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na apertura dunha xornada sobre responsabilidade empresarial na seguridade e saúde laboral non sector dos áridos organizada por Arigal

Pon en valor o grupo de traballo de silicose para a prevención dos riscos e sinala que o Goberno galego está executando as medidas da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo para reducir a sinistralidade

A planificación inclúe 6 obxectivos estratéxicos para consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura da xornada Responsabilidade empresarial na seguridade e saúde laboral no sector dos áridos organizada pola Asociación galega de áridos (Arigal), na que salientou a importancia que ten un labor conxunto e coordinado entre administracións, empresas e traballadores para ofrecer as maiores garantías en materia de seguridade e saúde laboral.

Toca sinalou que o Goberno galego, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), aposta por unha formación continúa neste ámbito a través de xornadas informativas, guías de prevención ou obradoiros, ao tempo que apuntou a necesidade de seguir concienciando da relevancia que ten a prevención de riscos. Neste senso, agradeceu a Arigal a realización da xornada e puxo en valor o labor do grupo de traballo de silicose, que forma parte do Consello galego de seguridade e saúde laboral, no que están presentes técnicos do ISSGA, facultativos do área de minas da Xunta e membros da CEG e principais sindicatos galegos.

“Na Xunta continúamos na procura da mellora das condicións laborais dos nosos traballadores e traballadoras”, indicou Toca e, deste xeito, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está executando as 163 medidas, que inclúe a Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo, unha planificación ata 2020 que busca reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores.

Esta nova folla de ruta, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, inclúe 6 obxectivos estratéxicos, froito do consenso cos interlocutores sociais. O que se busca é mellorar a eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.
Entre as 163 medidas, a responsable de Emprego salientou a importancia de promover que os pregos de condicións para contratar coa Administración Pública contemplen compromisos ou aspectos concretos de seguridade e saúde laboral como son por exemplo horarios de traballo ou períodos de descanso.

A Xunta, ademais, reforzará a especial atención que xa presta a colectivos específicos como son, entre outros, as mulleres embarazadas ou en período de lactación, traballadores de idade avanzada ou aqueles menores de 18 anos, autónomos, empregados temporais, con pouca experiencia laboral ou persoas con capacidades diferentes. Así mesmo, Toca explicou que a través da nova Estratexia se creará unha comisión técnica para estudar os riscos emerxentes e se potenciará unha formación de calidade en prevención, incluíndo ao alumnado dos ciclos de formación profesional con cualificación básica antes de iniciar as súas prácticas. A formación permanente do empresariado, autónomos ou técnicos de prevención é outra das medidas da folla de ruta.

A Xunta con esta Estratexia afianza as súas políticas de seguridade e saúde laboral reforzando a coordinación de todos os actores implicados e consolidando ao ISSGA como órgano técnico especializado na materia e impulsando as funcións propias da Inspección de Traballo e Seguridade Social no eido preventivo. A Xunta, en palabras de Toca, busca a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/10/2017