A segunda edición do obradoiro “Mos Verde” formará 15 mozos menores de 30 anos durante os vindeiros seis meses

A Xunta destina a este taller, dividido nas especialidades de limpeza de espazos públicos e xestión de residuos e deseño gráfico, máis de 140.000 euros

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros que beneficiarán a 250 desempregados

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, e maila alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, desprazáronse hoxe ata ao Campo da Feira para saudar os alumnos

Vigo, 6 de outubro de 2017
  • whatsapp

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata Mos acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, o concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas tecnoloxías, Óscar Soto, e a directora do taller, Ana Belén Ballesteros, para dar a benvida aos 15 mozos que se formarán no obradoiro “Mos Verde”.

A Administración autonómica destina a este taller 140.188 euros e divídese en dúas especialidades. Por unha banda 8 alumnos formaranse en limpeza de espazos públicos e xestión de residuos, e outros 7 en deseño gráfico durante os próximos 6 meses. O “Mos Verde” é un dos seis obradoiros específicos para menores de 30 anos concedidos a través do Sistema de Garantía Xuvenil e a presente é a segunda edición.

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros, 8 xerais e 6 específicos dos que se beneficiarán 250 desempregados que recibirán formación e un contrato de traballo.

Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Prímanse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentan unha relación co tecido empresarial do territorio. Ademais valóranse as posibilidades de inserción de cada obradoiro e a súa orixinalidade, dándose maior puntuación a aqueles con contidos innovadores, aínda que tamén se tiveron en conta os programas máis tradicionais -aqueles relacionados coa rehabilitación, mellora de espazos públicos ou atención a persoas dependentes-. Priorizáronse nesta resolución os proxectos de concellos resultantes de fusións e aqueles que se asociaron para presentar o programa.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/10/2017