A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 11,30 h de hoxe

Activos dous incendios no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa, que segundo estimacións superan, en ambos casos, as 20 hectáreas

Permanece controlado o incendio rexistrado en Lobios, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e que rolda as 20 hectáreas de afectación
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 11,30 h. de hoxe.

Chandrexa de Queixa

Está activo un lume no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa, que segundo estimacións supera as 20 hectáreas. Iniciouse ás 22,45 horas de onte e na súa extinción traballan 2 axentes, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 pas.

Permanece tamén activo desde as 03,51 h. desta madrugada outro incendio neste mesmo municipio ourensán e en idéntica parroquia. Segundo estimacións, afecta tamén unha superficie de máis de 20 hectáreas. No lugar foron mobilizados 1 técnico, 2 axentes, 3 brigadas, 1 motobomba, 2 pas, 3 helicópteros e 1 avión.

Lobios

Continúa controlado desde as 20,10 horas do pasado martes o lume rexistrado no concello ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, e que afecta o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. O incendio comezou ás 20,07 h. do luns e, segundo as últimas estimacións, acadou unha superficie de arredor de 20 hectáreas. No control deste lume levan traballado 16 axentes, 44 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 8 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 06/10/2017