O obradoiro de emprego de Touro e O Pino amplía as expectativas laborais de vinte alumnos de xardinaría e viveiros

Durante os nove meses está previsto que leven a cabo unha ducia de intervencións en diferentes espazos naturais e áreas recreativas dos dous concellos promotores

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos participantes e animounos a aproveitar a oportunidade que ofrece a iniciativa, que financia a Xunta
 

Touro (A Coruña), 6 de outubro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Ulla-Tambre I, promovido polos municipios de Touro e O Pino, e que formará durante os vindeiros nove meses a 20 desempregados dos dous concellos. Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes, Ignacio Codesido e Manuel Taboada. O encontro celebrouse na Casa da Cultura de Touro.

Os alumnos-traballadores recibirán formación en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. Dentro das actuacións previstas no concello de Touro inclúense o mantemento e axardinamento nos xardíns do Concello en Fonte Díaz, a posta en funcionamento con produción de planta no invernadoiro municipal, o mantemento da área recreativa de Santaia, ou da área recreativa de Brandelos. No Pino, acondicionarase a área recreativa da Magdalena, da carballeira de Gradamil, do campo da festa de Pastor, da área recreativa fluvial do río Tambre, do campo da festa de Gonzar, da área recreativa Ponte da Pedra, da área de descanso en Lengüelle e do campo da festa de San Miguel de Cerceda.

Ulla-Tambre I está financiado pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria, e o seu equipo docente está composto por unha directora, catro docentes e un auxiliar administrativo. Está dotado cun investimento de 280.000 euros e está previsto que conclúa o 28 de xuño de 2018. Ao remate do curso, os alumnos-traballadores recibirán un certificado de capacitación profesional con validez en todo o Estado que lles habilita para empregarse nas especialidades nas que se formarán durante os vindeiros nove meses.

Ovidio Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral”. “Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros os beneficiarios accederán a un contrato laboral”. Salientou a importancia da colaboración entre os concellos “para facer unha fronte común na loita polo desemprego, unha tarefa na que estes dous alcaldes están a dar unha lección de entendemento e posta da política ao servizo dos cidadáns”.

O delegado tamén sinalou que “os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade”, e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
 

Data de actualización: 06/10/2017