Rosa Quintana asistiu á xornada de promocional da navalla e da ameixa realizada ao abeiro do proxecto Lonxanatur, promovido pola confraría de pescadores do Grove
A Xunta leva aprobados este ano case 90 proxectos para o desenvolvemento sustentable das zonas costeiras por valor de 6,6 millóns de euros

Trasladou que o proxecto Lonxanatur foi apoiado pola Consellería do Mar cun investimento de máis de 141.000 euros, co obxecto de mellorar a competitividade do sector mediante a diversificación e a aportación de valor engadido aos produtos do mar da zona

Lembrou que é unha das iniciativas que opta aos premios Economía Azul na categoría de diversificación e animou á cidadanía a escoller publicamente a través da web dos GALP os mellores proxectos
 

O Grove (Pontevedra), 7 de outubro de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou esta tarde que a Consellería do Mar leva aprobados case 90 proxectos para o desenvolvemento sustentable das zonas costeiras por valor de 6,6 millóns de euros. Unha cifra, explicou, que se pode incrementar de aquí a finais de ano. Fíxoo na Festa do Marisco do Grove, durante a xornada promocional da navalla e da ameixa realizada ao abeiro do proxecto Lonxanatur, promovido pola confraría de pescadores do Grove no marco das axudas da Xunta ao Grupo de Acción Local da Ría de Arousa.

A conselleira, que tamén estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, trasladou que o proxecto foi apoiado pola Consellería do Mar na convocatoria das achegas de 2016, cun investimento de máis de 141.000 euros co obxecto de mellorar a competitividade do sector mediante a diversificación e a aportación de valor engadido aos produtos do mar da zona.

Nesta liña, Rosa Quintana explicou que o proxecto aposta por accións concretas como a posta en valor do traballo dos mariñeiros e mariñeiras, pola mellora da eficiencia na comercialización das producións pesqueiras e o desenvolvemento de accións promocionais para fomentar o seu consumo a través da creación dunha infraestrutura turística para promocionalos. Ademais, explicou que a través deste proxecto tamén se prevé crear conciencia sobre a importancia que ten o coidado do medio ambiente, da preservación do medio mariño e dos recursos.

Ademais a conselleira lembrou que precisamente este proxecto é un dos que opta aos premios Economía Azul na categoría de diversificación, que galardoará a mellor iniciativa de diversificación pesqueira cara ao turismo e o aproveitamento do patrimonio cultural marítimo pesqueiro e que se entregarán o vindeiro 27 de outubro. Rosa Quintana aproveitou para animar á cidadanía a escoller publicamente a través da páxina web dos GALP aqueles proxectos que máis lle gusten en cada unha das categorías dos galardóns e recordou que o prazo está aberto ata o día 22 deste mes.

Descargas de navalla e ameixa

Na lonxa do Grove as descargas de navalla e ameixa aumentaron máis dun 2% no primeiro semestre de 2017 en relación ao mesmo período de 2016. Así, pasouse de máis de 392.500 quilos descargados no 2016 aos máis de 401.400 de 2017. A facturación pola venda desta mercadoría tamén medrou un 11% nese mesmo período, pasando dos máis de 3,3 millóns do ano 2016 aos máis de 3,7 do 2017.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 07/10/2017