A Xunta abre o prazo das axudas de apoio aos centros especiais de emprego que beneficiarán a 2.500 traballadores con discapacidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar esta orde de axudas que permitirá, ademais, a creación de 90 postos de traballo indefinidos

A iniciativa, con apoios máximos de ata 23.139 euros, inclúe novidades tras ter en conta as principais demandas do sector

O Goberno galego incentivará por primeira vez cunha maior contía os centros sen ánimo de lucro, así como a creación de emprego feminino, no rural ou entre as familias con todos os seus membros no paro

Refórzanse os apoios ás persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, aquelas con discapacidades físico-sensoriais superiores ao 65% ou con discapacidades psíquicas de máis do 33%

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas dirixidas a apoiar aos 107 centros especiais de emprego de Galicia nas que a Xunta investirá 13 millóns de euros para a integración laboral das persoas con discapacidade. Con esta iniciativa beneficiaranse 2500 traballadores e estimase a creación de 90 postos laborais indefinidos. A actuación, que forma parte da Axenda 20, enmárcase no orzamento global que a Xunta está destinando este ano aos programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade, que aumentan un 15% con respecto a 2016, chegando aos 14,6 millóns.

A convocatoria inclúe novidades tras ter en conta as principais demandas do sector. O orzamento programado para esta nova edición 2017-2018 aumenta con respecto a última convocatoria en 3,5 millóns de euros. As axudas, que poden superar os 23.000 euros, distribúense en tres tipos de programas: axudas ás unidades de apoio, que ten por obxecto financiar os custes salariais e da Seguridade Social derivados da contratación indefinida de traballadores para apoiar o labor das persoas con discapacidade (o prazo de solicitude rematará o 6 de novembro); axudas á creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego (o prazo de inscrición acabará o 10 de novembro); e apoios ao mantemento do custe salarial nos CEE (as solicitudes poderán presentarse ata o 6 de novembro).

Entre as novidades desta convocatoria resaltan os incentivos cunha maior contía para os centros especiais sen ánimo de lucro. A contía base será nestes casos de 13.222 euros e a porcentaxe de financiamento do investimento poderá chegar ao 100%. Ademais, as axudas serán maiores nos casos nos que se cree emprego feminino, no rural ou entre as familias con todos os seus membros en paro. Nestes casos, os incentivos aumentarán nun 25% e serán acumulables entre si.

Reforzaranse, así mesmo, os apoios aos traballadores con especiais dificultades de inserción sociolaboral, é dicir, aqueles con discapacidades físico-sensoriais superiores ao 65% ou con discapacidades psíquicas-intelectuais de máis do 33%. Neste caso, as contías das axudas á creación de postos estables serán máis elevadas, ao tempo que se incrementarán os apoios ao custo salarial chegando ata o 56% do salario mínimo interprofesional (396,31 euros).

Para as axudas ás unidades de apoio, o primeiro dos programas, a contía base será de 2.400 euros por cada traballador con contrato indefinido ou temporal igual o superior a 6 meses. No segundo programa, por cada posto creado a xornada completa, a axuda para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro oscilará entre os 13.222 e 23.139 euros e para os que contan con ánimo de lucro entre 12.020 e 21.035 euros. Os apoios ao mantemento serán de 1.803 euros por posto e de 15.000 euros por asistencia técnica. Co terceiro dos programas finánciase parcialmente o custe salarial cunha axuda de 353,85 euros, o que supón o 50% do salario mínimo interprofesional (SMI), aínda que a contía elévase ata o 56% para as persoas con especiais dificultades.

Esta medida forma parte da Axenda 20 coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está favorecendo a integración laboral das persoas con discapacidade, que son un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta. Estas axudas compleméntanse cos apoios do Goberno galego para incentivar nas empresas galegas a contratación de persoas con discapacidade. En definitiva, a Xunta traballa polo emprego inclusivo cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego.

Data de actualización: 07/10/2017