A Consellería de Medio Ambiente inviste 123.000 euros na mellora estética e de seguridade viaria de Feira do Monte e Muimenta, en Cospeito

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou que os traballos comezarán nos vindeiros días e teñen un prazo de execución dun mes

Cospeito (Lugo), 9 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destina 123.000 euros a obras de humanización de rúas que se executan en Feira do Monte e Muimenta, en Cospeito, ao abeiro do Plan Hurbe.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a zona na que nos vindeiros días darán comezo os traballos, que teñen un prazo previsto de execución dun mes. Así, en varias rúas e espazos urbanos de ambas localidades, melloraranse os pavimentos de calzadas e beirarrúas, e instalarase novo mobiliario urbano.

O proxecto prevé tamén actuacións puntuais para evitar a invasión da beirarrúa por parte dos vehículos e mellorar a imaxe estética colocando flores en macetas colgadas das varandas.

Esta intervención “afectará á imaxe xenérica de ambos núcleos -afirmou Balseiro- e tamén á seguridade viaria e á confortabilidade, creando en ambas vilas entornos urbanos atractivos que aumenten o benestar dos veciños”.

O Plan Hurbe desenvólvese en colaboración coas corporacións municipais e busca humanizar as vilas e núcleos rurais atendendo á realidade sociodemográfica de cada unha delas, procurando a comodidade do seus habitantes.

Ao abeiro deste programa, execútanse obras de humanización de rúas, equipamentos públicos e urbanización e mellora de espazos públicos, para promover o progreso de vilas e núcleos rurais con criterios de sustentibilidade económica, ambiental e social.

Así, as obras están dirixidas a potenciar infraestruturas e servizos, e fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico.

O obxectivo último, indicou o delegado, “é proporcionar unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación das vilas de tamaño medio, e incrementar o seu atractivo de forma que se perciban como lugares agradables para vivir e para visitar”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/10/2017