O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe en Vigo á presentación da proposta da entidade para a construción dunha nova residencia
A Xunta apoia a aposta de Aspanaex pola mellora da atención ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias

A Administración autonómica inviste máis de 800.000 euros anuais no mantemento de 91 prazas concertadas nos diferentes servizos que ofrece esta asociación: 29 no centro de día, 57 no centro ocupacional e 5 na vivenda comunitaria

Vigo, 9 de outubro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe en Vigo ao acto de presentación da proposta de nova residencia da Asociación a Prol das Persoas con Discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra (Aspanaex). O acto tivo lugar na sala de conferencias do edificio da Afundación na cidade olívica.

Na súa intervención, Rey Varela salientou o importante labor que están a facer en toda Galicia entidades como Aspanaex para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias. E, ao fío disto, apuntou que dende o Goberno galego “compartimos con todas elas un obxectivo fundamental como é contribuír para que as persoas con distintas capacidades e as súas familias teñan atendidas as súas necesidades e poidan levar a cabo unha vida coas menores limitacións posibles nunha sociedade que debe ser cada vez máis integradora”.

O conselleiro trasladou a disposición da Xunta a colaborar no proxecto da residencia proxectada para a atención a discapacidade proxectada por Aspanaex en Coia, ao tempo que lembrou que a Administración autonómica ten 91 prazas concertadas nos diferentes servizos que ofrece esta entidade. Estas prazas distribúense do seguinte xeito: 57 no centro ocupacional, 29 no centro de día e 5 na vivenda comunitaria.

En total, Política Social destina anualmente máis de 800.000 euros ao financiamento destas prazas. Asemade, o Goberno galego oferta na área xeográfica de Vigo 507 prazas para persoas con discapacidade nas que inviste máis de 6 millóns de euros.

Rey Varela insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e as entidades é o camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”.

Neste sentido, apuntou que o impulso das políticas sociais en Galicia signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como a elaboración e desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade Horizonte 2020. Esta estratexia abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/10/2017