A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, visitou hoxe o recurso de conciliación do concello de Portomarín, en Lugo
A Xunta de Galicia anticipará o 35% da prima pola prestación do servizo que concede ás casas niño

Esta media permitirá afrontar de maneira máis cómoda os gastos de funcionamento destes servizos dirixidos a facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal nos concellos rurais

Nestes momentos está en proceso de resolución unha nova convocatoria de axudas por un valor global de 2,4 millóns de euros que permitirá a apertura de novas casas niño en municipios de menos de 5000 habitantes
 

Portomarín (Lugo), 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, visitou esta mañá a casa niño do municipio lucense de Portomarín, recurso de conciliación gratuíto para as familias que residen neste concello onde se ocupan da atención de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos de idade. Na actualidade están en servizo 30 equipamentos destas características distribuídos por toda a xeografía galega e está en proceso de resolución unha nova convocatoria de axudas que permitirá a apertura de novas casas niño en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Durante a súa visita, Amparo González informou de que onte luns saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha modificación da orde de subvencións que amparou a posta en marcha das casas o ano pasado. Ao respecto, explicou que esta variación supón unha mellora xa que fai posible, unha vez que se abra o exercicio orzamentario de 2018, anticipar o 35% da prima que as persoas titulares destes equipamentos reciben ao ano pola prestación da atención. Unha mellora que xa está incorporada na segunda convocatoria de axudas que nestes momentos está en marcha.

A directora xeral sinalou que o obxectivo de lexislatura é que todos os concellos rurais de Galicia de menos de 5000 habitantes dispoñan dalgún recurso de conciliación. Neste sentido, apuntou que a Administración autonómica está en proceso de resolución das solicitudes presentadas á nova orde de axudas para a apertura de máis casas niño. A estas achegas destinase un orzamento de 2,4 millóns de euros, distribuído en catro anualidades e financiado en parte polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Estas axudas permitirán subvencionar a reforma e adaptación do inmoble, así como o seu equipamento e dotación material, e a prestación da atención personalizada aos menores. As achegas para os gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% tendo un límite de 15.000 euros concedidos por cada casa niño. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 euros por cada ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura.

A responsable do departamento autonómico de Familia destacou a importancia de dar continuidade a este iniciativa coa que se pretende crear recursos de conciliación para as familias, oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial. Así mesmo, indicou que coas casas niño apóianse as fórmulas de autoemprego e de economía social, eficaces para a dinamización da economía local e, consecuentemente, para a fixación da poboación ao territorio.

As casas niño constitúen un recurso específico para os concellos de menos de 5000 habitantes complementario a outras existentes en Galicia, como a rede de escolas infantís da Galiña Azul, as prazas en escolas infantís de iniciativa social e as concertadas, ou os programas Bono Concilia e Bono Coidado.

Na provincia de Lugo hai na actualidade 8 casas niño, emprazadas nos seguintes concellos: Portomarín, Láncara, O Corgo, Xermade, Castroverde, As Nogais, Folgoso e Begonte.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017