Almuiña destaca a gran importancia que ten o papel da enfermería na promoción de hábitos de vida saudables

No acto de inauguración das XII Xornadas de Enfermería de Ourense

O conselleiro visitou o sexto andar sur do novo Edificio de Hospitalización, onde onte trasladáronse os primeiros pacientes de medicina interna, como fase previa ao traslado xeral

Ourense, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe, no acto de inauguración das XII Xornadas de Enfermería, “a gran importancia que ten o papel da enfermería na promoción de hábitos de vida saudables, pois a súa proximidade ás persoas e na atención aos pacientes permítelles achegar información e consellos sobre os factores de risco relacionados coa dieta, co sedentarismo, con hábitos tóxicos como o tabaco e o alcohol, ao longo da vida das persoas”.

Segundo o conselleiro, “neste momento no que a sociedade presenta un envellecemento da poboación e unha prevalencia de enfermidades en aumento, é especialmente importante tratar este tema e concienciarnos da súa trascendencia”.

“Nunha contorna marcada polo necesario proceso de transformación do sistema sanitario, a atención de cada paciente, unha atención única e personalizada, fai patente, cada vez máis, a necesidade de que o persoal de enfermería adquira novas responsabilidades e competencias que dean resposta ás necesidades dos nosos pacientes”, -remarcou Almuiña-.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que, o vindeiro día 23, se inicia a Campaña de Vacinación Antigripal, coa que se pretende diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe. Tamén subliñou as recomendacións de como actuar en caso de presentar síntomas desta enfermidade, recorrendo ao centro de saúde, ao PAC ou chamando ao 061, antes de ir a urxencias senón resulta preciso.

A vacinación realizarase de xeito continuado durante 10 semanas en ao redor de 900 puntos de vacinación.

Logo da inauguración das xornadas, o conselleiro visitou o sexto andar sur do novo Edificio de Hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, ao que onte trasladáronse os primeiros pacientes de medicina interna, como fase previa ao traslado xeral. Alí, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego conversou cos profesionais para coñecer a súa experiencia nas novas instalacións.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 10/10/2017