Constitúese o grupo de traballo do Plan galego de saúde mental

O conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, convida a participar a membros de equipos asistenciais sanitarios, representantes doutras entidades e asociacións de afectados

O documento busca o máximo consenso entre profesionais e os diferentes colectivos implicados para dar respostas ás necesidades
 

Santiago, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

O Sergas constituíu hoxe, coincidindo ca celebración do Día Mundial da Saúde Mental, o grupo de traballo que se encargará de elaborar o Plan Galego de Saúde Mental e que quedará conformado, ademais de pola propia Consellería de Sanidade, por diferentes profesionais implicados na asistencia á saúde mental, representantes doutras institucións e colectivos entre os que se atopan asociacións de profesionais, de familiares e de pacientes.

Para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, considera “imprescindible” a participación de todos os axentes sociais e profesionais implicados: asociacións de pacientes, familiares e profesionais, das entidades do terceiro sector, doutros departamentos da Xunta e a da propia cidadanía. “Temos iniciado un camiño que non está exento de complexidades, pero que é tamén ilusionante xa que permitirá mellorar a atención prestada aos trastornos mentais na nosa comunidade autónoma”, indicou Almuiña, tras subliñar que os trastornos mentais e neurolóxicos “son un dos grandes retos sanitarios para o século XXI en toda Europa”.

No transcurso da devandita reunión informouse aos asistentes das propostas que nos últimos meses lle deron traslado á Consellería de Sanidade nas distintas reunións do comité de Atención Sociosanitaria, e de xeito individual, profesionais sanitarios e asociacións como a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA), a Asociación Galega de Saúde Mental, a Asociación Galega de Psiquiatría, entre outras. O obxectivo final é a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental previsto na liña estratéxica tres do documento de planificación Estratexias SERGAS 2020, no apartado 6.1 Atención integral adaptada ás necesidades dos pacientes, familiares e coidadores.

Co Plan Galego de Saúde Mental, a Consellería de Sanidade quere seguir avanzando nun modelo de atención integral e comunitaria que posibilite a recuperación da enfermidade mental, garantindo ao paciente dispositivos de apoio no seu entorno. Nesa mesma liña quérese seguir traballando pola recuperación funcional das persoas con trastornos mentais e a normalización en todas as súas áreas, especialmente promovendo a empregabilidade.

Outra das áreas son a investigación e a innovación e, neste eido, a Consellería de Sanidade apoia a investigación en xenética de trastornos mentais a través dun convenio específico coa Fundación Xenómica de Galicia. Tamén se está a traballar coa Unidade de Asesoramento Científico-Técnico en proxectos como a elaboración dunha guía clínica de atención á saúde mental na infancia e na adolescencia; na visibilización das necesidades dos/as adolescentes con trastornos mentais, e recentemente desenvolvendo un proxecto que levará aos hospitais galegos a biblioterapia como ferramenta de axuda ao paciente deprimido.

A través do proceso de elaboración deste plan, a Consellería quere ser quen de detectar necesidades non cubertas, áreas de mellora e novas realidades asistenciais, consensuando propostas de actuación cos profesionais sanitarios e os diferentes colectivos implicados para concretar respostas.

Nesta fase preliminar detectouse a necesidade de mellorar nalgúns aspectos da coordinación sociosanitaria, no desenvolvemento da rede de atención aos trastornos mentais a colectivos específicos como son a infancia e os mozos e mozas; a ordenación dos recursos e programas asistenciais en saúde mental e potenciar o papel da atención primaria.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 10/10/2017