O curso impártese no concello de Vilagarcía e está incluído nos itinerarios deseñados para favorecer a integración laboral e social das persoas
A Xunta forma no manexo de carretillas elevadoras a un grupo de 15 participantes na estratexia de inclusión social de Galicia

Cada un deles sumará ata o próximo 13 de outubro un total de 20 horas teórico-prácticas

A formación pretende unha mellora da competitividade na manipulación deses vehículos e unha redución do número de accidentes laborais
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través do equipo comarcal de Inclusión Socio-laboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, vén de poñer en marcha unha nova acción formativa no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020. Concretamente, un curso sobre manexo de carretillas elevadoras que está tendo lugar no concello pontevedrés de Vilagarcía e no que van a tomar parte 15 persoas.

A actividade, que se desenvolve en horario de mañá, arrancaba o pasado 9 de outubro e impartirase ata o próximo día 13, en horario de mañá, cun total de 20 horas lectivas. No que respecta aos contidos do curso, xiran en torno a conceptos relacionados coa manipulación segura de maquinaria de manutención, dentro da actividade empresarial. De feito, intenta cubrir a crecente necesidade de reducir os accidentes laborais ou mellorar a competitividade empresarial mediante a mellora do rendemento dos operarios na manipulación e seguridade das carretillas elevadoras.

Os obxectivos desta actuación son favorecer e posibilitar a inserción laboral dos participantes a través dunha formación que aumente as súas competencias profesionais no mercado de traballo e facilitar a adquisición de coñecementos para que no futuro inmediato poidan desenvolver unha profesión adaptada ás exixencias do actual mercado laboral.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta na actualidade con 17 oficinas comarcais de Inclusión Socio-laboral distribuídas por toda Galicia, máis un equipo que opera no módulo 1 do centro penitenciario de Teixeiro con internos que están a piques de obter a liberdade, no marco do programa “Nelson Mandela”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017