A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, entregou na xornada de hoxe os diplomas aos participantes no proxecto promovido polo concello das Pontes
A Xunta impulsa o primeiro contacto da mocidade co mundo laboral a través do programa ‘Deseñando o teu futuro’

A iniciativa permitiu que un grupo de 8 persoas, entre os 14 e os 18 anos de idade, realizasen pequenas estadías titorizadas en centros de traballo

No marco deste programa no 2017 se financian 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitarán que un total de 358 mozos e mozas realicen estadías - visitas en empresas
 

As Pontes (A Coruña), 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, asistiu esta tarde ao acto de entrega dos diplomas acreditativos aos mozos e mozas participantes no proxecto promovido polo concello das Pontes de García Rodríguez no marco da convocatoria do 2017 do programa ‘Deseñando o teu futuro’.

O proxecto, cun orzamento de 1.520 euros permitiu, que 8 persoas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos se achegaran á realidade laboral de diversas empresas da comarca: Xaraleira, S.L., Asesoría de Seguros San Roquiño e Servicios Sociais Virxe do Carme. As estancias - visitas con cinco horas diarias tiveron unha duración de quince días. Aos efectos de desenvolvemento desta iniciativa, o concello das Pontes asinou convenios de colaboración coa Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios (Cohempo) e coa Asociación de Empresarios Seara.

Cecilia Vázquez sinalou que o obxectivo deste programa “é ofrecer á mocidade unha experiencia de educación non formal, así como poñer a súa disposición unha ferramenta que lle facilite e clarifique a toma de decisión do seu futuro perfil profesional”. Ao respecto, engadiu que a finalidade é que “coñezan a realidade da empresa previamente a decidir a súa traxectoria formativa profesional”.

Así mesmo, a responsable do departamento autonómico de Xuventude salientou como valores positivos desta iniciativa os feito de que “empodera aos mozos e mozas, reforza a súa motivación para avanzar no seu itinerario persoal, así como no desenvolvemento das súas habilidades e capacidades”.

O programa ‘Deseñando o teu futuro’ é unha iniciativa de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación da mocidade galega ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estancias – visitas en distintos sectores das empresas.

Cecilia Vázquez sinalou que no marco deste programa no 2017 se financian 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitarán que un total de 358 mozos e mozas realicen estadías - visitas en empresas, cunha duración entre 5 e 15 días e cunha xornada mínima de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 15.

A cantidade subvencionable a cada entidade e concello ou agrupación de concellos se calcula a razón de 6 euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza; e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado rematou a súa intervención manifestando o seu agradecemento ao concello e ás empresas que permitiron que este proxecto se realizara e felicitando especialmente aos mozos e mozas participantes, “os verdadeiros protagonistas desta iniciativa, agardando que esta experiencia vos axude a seguir medrando na vosa traxectoria persoal e profesional”, concluíu

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017