O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe as instalacións da entidade en Santiago
A Xunta pon de manifesto a importancia do labor que desenvolve o Banco de Alimentos

O titular autonómico describiu o traballo que alí se leva a cabo como un exemplo de xestión e aproveitamento da colaboración solidaria e desinteresada dos galegas e galegas

A Administración autonómica mantén un convenio para contribuír á actividade de reparto de alimentos e outro grazas ao cal familias en situación de vulnerabilidade con menores a cargo tiveron cubertas as necesidades alimenticias durante o verán
 

Santiago, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe as instalacións da Federación Galega de Bancos de Alimentos (Fegaban) e o Banco de Alimentos de Santiago. Na mesma, o titular autonómico destacou o gran labor que a entidade leva a cabo na cidade, proporcionando alimento a quen máis o precisa.

Tras percorrer as instalacións, Parrado lembrou as liñas de colaboración que a Xunta de Galicia mantén coa entidade, nomeadamente o convenio para promover e contribuír ao financiamento da actividade de captación e reparto de alimentos que desde os bancos de alimentos galegos se realiza ás institucións e entidades benéficas para que as persoas e familias con menos recursos poidan satisfacer as súas necesidades alimenticias básicas. A contía da achega da Administración autonómica é de 66.000 euros.

Así mesmo, a Xunta traballou de xeito conxunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Fegaban para permitir que as familias en situación de vulnerabilidade e con menores ao seu cargo teñan cubertas as necesidades alimenticias durante os pasados meses de verán.

Parrado puxo de manifesto a importancia do traballo que está a realizar o banco de alimentos de Santiago, que describiu como un exemplo de xestión e aproveitamento da colaboración solidaria e desinteresada dos galegas e galegas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017