A Amtega e o CPEIG reunirán casos de éxito profesional na “xornada transformación dixital e talento” o día 16 de outubro en Santiago

Participarán como relatores Tino Fernández, de Altia; o profesor de Innovación Enrique Dans; David Tomás, de Cyberclick e Juan Carrillo, de LinkedIn

Está dirixida ao público en xeral e a inscrición é gratuíta
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizan a “Xornada Transformación Dixital e Talento”, un evento que porá en contacto a empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital o vindeiro día 16 de outubro.

Os relatores que participarán no encontro, seleccionados polo seu perfil inspirador, son exemplo de éxito profesional: Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, cofundador e CEO de Cyberclick.

O Auditorio 2 do Edificio CINC Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá as charlas en horario de mañá. A xornada está dirixida ao público en xeral e en particular a estudantes universitarios, previa inscrición en eventos@cpeig.gal ou https://XTdT.eventbrite.es. O mago mentalista Javier Luxor actuará de condutor do acto e mesmo realizará algunha pequena actuación.

A inauguración correrá a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. O presidente executivo de Altia Consultores abordará na súa intervención os “Retos da xestión do talento en servizo de transformación dixital”. A continuación, o profesor de Innovación no IE Business School, Enrique Dans, falará da “Carreira profesional: coa innovación como clave”. Na segunda parte da xornada o cofundador e CEO de Cyberclick, David Tomás, impartirá a charla “A empresa máis feliz do mundo” e o director de Relacións con Clientes de Linkedin, Juan Carrillo pechará a rolda de intervencións.

Colaboración

O CPEIG e a Amtega unen esforzos na organización da “Xornada Transformación Dixital e Talento” na procura dun punto de encontro da mocidade e profesionais que buscan formarse nun dos sectores máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais, e con empresas que achegan a súa experiencia en demanda de recursos humanos no sector TIC.
O seminario inscríbese no convenio de colaboración que manteñen a Axencia pública autonómica e o Colexio Profesional de Enxeñaría de Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2017