A Xunta inviste preto de 70.000 euros en novos equipamentos e obras de mellora nos diferentes centros escolares de Vimianzo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prevé a construción dun patio cuberto e diversas reparacións no CEIP San Vicenzo

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro visitou hoxe o IES Terra de Soneira, onde véñense de investir máis de 11.000 euros na dotación dun ascensor
 

Vimianzo (A Coruña), 11 de outubro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Instituto de Ensino Secundario (IES) Terra de Soneira, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de investir algo máis de 11.000 euros na reposición dun ascensor, necesario para facilitar a accesibilidade a alumnos con dificultades motoras.

O delegado territorial comprobou que o ascensor está en servizo e solucionou unha das principais carencias que presentaba o centro. Membros do claustro explicaron que o centro tiña un ascensor, pero que nunca chegara a funcionar. A Consellería, tras analizar o estado do elevador, optou por reparalo e adecualo á normativa vixente.

Aproveitando a visita, Ovidio Rodeiro anunciou que a Xunta de Galicia reserva un investimento de preto de 58.000 euros para o CEIP San Vicenzo, tamén en Vimianzo. Por unha banda está previsto que se constrúa un patio cuberto, cun orzamento de algo máis de 45.000 euros. O resto da partida, de algo máis de 12.000 euros, executouse xa en diversas reparacións, nomeadamente na cociña.

O delegado territorial sinalou que “a Consellería está a traballar arreo para obter canto antes as autorizacións para comezar a obra”, que será executada en dúas fases. Lembrou que na Costa da Morte “están previstas melloras e equipamentos por máis de 1,2 millóns de euros”, entre os que destacan os 826.000 euros que se destinarán a ampliación do IES Monte Neme de Carballo, no que tamén está prevista a substitución de canlóns por algo máis de 22.000 euros.

Ovidio Rodeiro agradeceu á comunidade educativa do centro a súa implicación por sumar ao esforzo por manter a calidade do ensino público e ao tempo reclamar as mellores condicións posibles para que os alumnos poidan desenvolverse nas instalacións adecuadas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2017