O turismo de congresos de Galicia promóvese en Italia dentro da feira TTG Incontri 2017

Turismo de Galicia manterá xuntanzas de traballo cos principais operadores italianos, especializados nesta modalidade turística

O turismo de Italia, que supón o segundo mercado emisor internacional máis importante para a Comunidade galega logo de Portugal, medrou un 5,5% no relativo ao número de viaxeiros aloxados nos oito primeiros meses do ano
 

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2017
  • whatsapp

A cidade de Rimini, no oeste de Italia, acolle desde hoxe o certame TTG Incontri 2017 e Turismo de Galicia presenta nesta cita a oferta turística da Comunidade galega no eido do turismo de negocios, relacionado cos congresos, convencións e reunións de empresa.

Esta é unha das reunións internacionais de carácter B2B máis importantes do mundo na que os participantes entran en contacto cos operadores turísticos especializados de Italia.

Nesta feira, con formato workshop, os representantes da industria turística italiana teñen reunións de traballo con profesionais internacionais a través das que poden coñecer novos produtos e as posibilidades que ofrecen os distintos destinos para a organización de viaxes relacionadas co turismo de negocios.

Deste xeito, Turismo de Galicia estará presente nesta feira ata mañá para presentar directamente a oferta turística galega aos operadores italianos ao longo de dúas xornadas nas que se prevé a visita dunhas 60.000 persoas.

Demanda turística de Italia

Con algo máis de 36.721 viaxeiros aloxados e máis de 56.000 pernoitas no segmento hoteleiro, o mercado italiano consolidouse o pasado mes de agosto como o segundo máis importante de Galicia, por detrás de Portugal.

Polo que respecta aos oito primeiros oito meses de 2017, superouse nun 5,5% a cifra de viaxeiros italianos aloxados e nun 2,3% o volume de pernoitas do mesmo período de 2016.

Ademais, con preto de 160.000 pernoitas hoteleiras, o mercado italiano representou neste período o 11,2% do total internacional da Comunidade, consolidándose tamén nestes oito primeiros meses como o segundo mercado en orde de importancia por detrás de Portugal.
 

Data de actualización: 12/10/2017