A Consellería de Sanidade e a USC desenvolverán unha aplicación móbil para mellorar a adherencia aos tratamentos farmacolóxicos

Esta actuación desenvolverase no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela desenvolverán conxuntamente unha aplicación para móbil denominada Calendula que persigue mellorar a adherencia os tratamentos farmacolóxicos da cidadanía galega. Mediante esta aplicación poderase realizar o seguimento da medicación, descargar a medicación actual, revisar as pautas horarias, recibir avisos e alarmas, rexistrar as tomas de medicación, xestionar o botiquín, recibir avisos de efectos secundarios ou consultar os prospectos da medicación.

Esta actuación será o primeiro convenio específico que se desenvolverá ao amparo do acordo marco de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela, no ámbito da investigación en tecnoloxías da información. Este acordo marco de colaboración permitirá desenvolver actividades conxuntas de I+D entre a USC e a Consellería de Sanidade, validando diferentes tecnoloxías relacionadas coa e-saúde.

A subscrición do acordo marco, cunha vixencia de catro anos, non comporta obrigas económicas para ningunha das partes.

A Consellería de Sanidade e o SERGAS a través da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información encargarase da coordinación das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sanitarias e a realización a supervisión da plataforma tecnolóxica que dea soporte a estas actividades dentro do Sistema público de Saúde de Galicia, en coordinación coas unidades competentes na materia.

Pola súa banda, a USC, a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS), porá a disposición os investigadores de valía profesional e prestixio recoñecido, así como os medios técnicos axeitados para levar a cabo a bo fin as actividades de I+D mencionadas.

Con esta actuación, a Sanidade pública certifica a súa aposta no impulso da investigación sanitaria e desenvolvemento científico e tecnolóxico no Sistema Público de Saúde, asegurando a innovación e a modernización do sistema sanitario.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/10/2017