As sete lanzadeiras de emprego que impulsaron Xunta e Fundación Santa María La Real rematan cun 61% de inserción laboral

Un total de 154 persoas sen emprego melloraron ao longo de 5 meses a súa empregabilidade aprendendo a actualizar o seu currículo, realizando simulacións de entrevistas de traballo e coñecendo novas técnicas de comunicación

No mes de novembro comezaran tres novos programas na Coruña, Pontevedra e Santiago

Os interesados poden anotarse á iniciativa ata o 8 de novembro a través da web de lanzadeiras, nas oficinas de emprego e puntos habilitados

A actuación enmárcase na Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está a impulsar o emprego estable e de calidade

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2017.- As sete lanzadeiras de emprego que se levaron a cabo en Santiago, A Coruña, Ferrol, Carballo, Lugo, Pontevedra e Lalín grazas á coordinación entre a Xunta e a Fundación Santa María la Real, co apoio da Fundación Telefónica, vén de rematar cunha porcentaxe de inserción do 61%.

Os 154 desempregados que participaron no programa, todos eles con idades comprendidas entre os 20 e 54 anos, realizaron ao longo de cinco meses, sempre da man de técnicos especializados, actividades para activar e optimizar a súa busca de traballo como dinámicas de intelixencia emocional e comunicación, obradoiros de marca persoal, simulación de entrevistas, mapas de empregabilidade e visitas a empresas. 88 dos alumnos atoparon xa un emprego por conta allea en diferentes sectores como a hostalería, comercio, loxística, transporte, educación, industria manufactureira, administración e automoción, entre outros. Outros seis participantes optaron por realizar certificados de profesionalidade cos que teñen garantido o desenvolvemento de prácticas laborais.

As lanzadeiras de emprego continuarán o próximo mes de novembro cunha nova edición nas localidades da Coruña, Pontevedra e Santiago.

O prazo de inscrición rematará o 8 de novembro. Os interesados poden anotarse a través da web de lanzadeiras http://www.lanzaderasdeempleo.es/formulario-de-inscripcion ou nas oficinas de emprego das localidades onde terán lugar, así como nos seguintes puntos habilitados: centro territorial do ISSGA na Coruña; Xefatura Territorial de Pontevedra; e no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago.

Estas novas tres lanzadeiras, que se levarán a cabo co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, dentro do Programa Operativo POISES, van dirixidas a menores de 35 anos, aínda que se as 20 prazas de cada programa non se cobren, resérvase a posibilidade de que cinco estean destinadas a persoas de ata 59 anos.

Poderán inscribirse desde persoas con estudos básicos, con FP ou Bacharelato ata diplomados e licenciados. A participación tamén está aberta a persoas con ou sen experiencia profesional.

O obxectivo principal da actuación é axudar aos participantes a realizar unha nova busca de traballo de acordo coas características do mercado laboral actual. As lanzadeiras de emprego baséanse na creación de equipos heteroxéneos de persoas desempregadas con espírito dinámico que, coordinadas por un técnico, reforzan as súas competencias para obter un emprego, axudándolles a diferenciarse e posicionarse mellor no mercado de traballo. O obxectivo último é reducir os niveis de desemprego.

As lanzadeiras de emprego son un complemento das ferramentas das que dispón a Xunta para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas en Galicia como son, entre outras, os obradoiros, os programas integrados de emprego, os cursos de formación para desempregados ou as unidades formativas nas empresas. A actuación enmárcase na Axenda 20 coa que o Goberno galego está a impulsar o emprego estable e de calidade.

Data de actualización: 13/10/2017