Almuiña anuncia a licitación das obras do novo centro de saúde do Milladoiro por 2,7 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade visitou hoxe os terreos onde a Xunta de Galicia ten previsto construír o centro

Ames (A Coruña), 13 de outubro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe os terreos onde a Xunta de Galicia ten previsto construír o centro de saúde do Milladoiro, no Concello de Ames, instalación na que o Executivo galego investirá 2,7 millóns de euros. Na visita, o titular da carteira sanitaria presentou o proxecto, que vén de ser aprobado, e anunciou a licitación das obras, que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia, mediante unha resolución da Axencia Galega de Infraestruturas.

Este novo centro da rede sanitaria pública galega, construirase nunha parcela cedida polo Concello que ten unha superficie de aproximadamente 5.000 m2, sendo o prazo de execución da obra de 17 meses.

Características do centro

O edificio contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, e tres consultas polivalentes.

Pola súa banda, a área pediátrica terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro terá así mesmo unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social, unha área de persoal e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. En total, o centro de saúde disporá dunha superficie construída de máis de 2.100 m2.

O edificio está composto basicamente dunha planta, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén unha planta -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O esquema de funcionamento do edificio está estruturado en bloques, cada un deles cun uso concreto: un para pediatría e área da muller, tres para consultas de adultos e o último para fisioterapia.

Este novo centro da rede sanitaria pública galega, que atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños de Ames.

http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171013/AnuncioG0181-290917-0001_gl.html

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 13/10/2017