O proxecto TITTAN impulsará a transferencia tecnolóxica dende os sistemas sanitarios ao paciente

Coordinado pola Axencia de Coñecemento en Saúde, o seu obxectivo é establecer unha rede de intercambio de experiencias con sete rexións europeas

O plan conta cun orzamento de case 1,7 millóns de euros e divídese en dúas fases, unha primeira de deseño e outra de implantación

Santiago, 5 de xullo de 2016
  • whatsapp whatsapp

O proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network) establecerá unha rede de intercambio de coñecemento con sete rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da Sanidade. Coordinado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), pretende que os seus membros compartan boas prácticas para fomentar a innovación dende o exterior cara os sistemas sanitarios, como é o caso da Compra Pública Innovadora. TITTAN tamén busca impulsar a transferencia de tecnoloxía dende os sistemas sanitarios ao paciente e involucrar á cidadanía na xestión do envellecemento e da saúde mediante o uso de hábitos, procesos e tecnoloxías innovadoras.

O proxecto finánciase a través do Programa InterregEurope e foi seleccionado nunha convocatoria competitiva na que participaron 2.158 organizacións europeas a través da presentación de 261 propostas de proxecto. Hoxe foi presentado na sede da Consellería de Sanidade pola directora de ACIS, Sonia Martínez Arca; a directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Pilar Morgade; a presidenta do Clúster da Saúde, María Gómez-Reino; a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial Das Ciencias Da Vida (BIOGA), Carme Pampin; e o presidente do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), Roberto Alonso.

O plan, que conta cun orzamento de case 1,7 millóns de euros de fondos europeos, divídese en dúas fases. A primeira céntrase no intercambio de boas prácticas entre os socios do consorcio e no deseño dun plan de acción por parte de cada un deles, cunha duración de 30 meses. Isto incluirá a realización de informes de avaliación de boas prácticas, cinco talleres interrexionais (en Galicia, Amsterdam, Lombardía, Escocia e Saxonia) e visitas entre os socios.

A segunda fase, de implantación dos plans elaborados anteriormente, terá unha duración de 24 meses e ten como obxectivo ofrecer ás rexións participantes a oportunidade de reorientar o uso de Fondos Estruturais cara unhas políticas máis efectivas e orientadas a resultados no campo do envellecemento activo.

Ata o momento, no marco deste proxecto, celebráronse xa unha xuntanza de coordinadores en Rotterdam no mes de marzo; unha reunión online, en abril, cos socios do proxecto para a posta en marcha, definición de obxectivos e elaboración do modelo dos informes de avaliación; un encontro de presentación cos actores locais en Santiago no mes de maio; e, no mesmo mes, unha reunión de arranque do proxecto en Amsterdam.

Proximamente terá lugar unha reunión técnica en Santiago cos actores locais para a recompilación e selección de boas prácticas e dúas xuntanzas online, para seguimento e organización do primeiro taller e para a entrega dos informes de avaliación.

En setembro celebrarase en Santiago o primeiro taller interrexional e a primeira visita de estudo do proxecto, coordinada por ACIS e a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF), co obxectivo de compartir as boas prácticas identificadas en relación co fomento da innovación dende fóra cara dentro, á que asistirán socios do proxecto e actores locais de cada rexión, así como outros axentes relevantes no desenvolvemento e implementación de políticas innovadoras no campo do envellecemento activo.

 

Socios colaboradores


Baixo o liderazgo de ACIS participan nesta iniciativa outras organizacións de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia, en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia, en Alemaña); o Digital Health & Care Institute (DHI de Escocia, en Reino Unido); a Lower Silesian Voivodeship Marshal Office (LSVMO da Baixa Silesia, en Polonia); e o Concello de Amsterdam, nos Países Baixos.

Ademais, en colaboración con ACIS, Sergas e coa Consellería de Sanidade, participan no proxecto a Axencia Galega de Innovación (GAIN); o Cluster Alimentario de Galicia (CLUSAGA); o Clúster de Saúde; e as Fundacións Biomédica Galicia Sur, Ramón Domínguez e Profesor Novoa Santos.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 05/07/2016