A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Foz abordan o estado da licitación da remodelación da avenida da Mariña

Os traballos —que se enmarcan no Plan Hurbe— incluirán a ampliación das zonas peonís, o incremento de áreas verdes e a mellora do mobiliario urbano e do pavimento

Santiago, 31 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, no que abordaron o estado da licitación do proxecto para a remodelación da avenida da Mariña. Nos vindeiros días convocarase a mesa de contratación, que estudará as ofertas económicas presentadas.

En concreto, os traballos proxectados en Foz incluirán a ampliación das zonas peonís, o incremento de áreas verdes e renovación do axardinamento e a mellora do mobiliario urbano e do pavimento, incrementando así a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Neste senso, dentro da ampliación das zonas peonís, vaise reorganizar o tráfico e agrupar as prazas de aparcamento, de tal forma que se poidan intercalar illotes para os peóns. Do mesmo xeito, para a mellora do mobiliario urbano, renovarase a rede de alumeado e crearanse puntos de xestión para os colectores de residuos, reducindo o impacto visual e tamén os malos olores.

Esta actuación no concello de Foz inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010, e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas, favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o plan inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Desde que se puxo en marcha o Plan Hurbe, a Xunta comprometeu un investimento de 123 millóns de euros nun total de 157 actuacións, incluídas as obras comprometidas a executar en 2017. Concretamente, o investimento previsto este ano no marco do devandito plan ascende a preto de 10 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/01/2017