Un 90% das sentenzas ditadas pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística son ratificadas polos tribunais

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística fixo público os datos relativos ao balance de actividade de 2016, entidade que traballa para consolidar na Comunidade unha cultura de respecto polo territorio e a paisaxe

A reposición da legalidade urbanística produciuse nun total de 183 casos, sendo nun 86% demolicións efectuadas polos interesados

Na actualidade son 66 os concellos adheridos á APLU, cunha morfoloxía moi variada, algúns de menor poboación e outros cunha alta densidade de poboación

Ao longo do pasado ano, a Axencia suma unha nova marca, coa resolución de 458 expedientes, cifra que se consolida desde 2009, cando se rexistraron 121
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2016
  • whatsapp

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, José Antonio Cerdeira, presentou esta mañá o balance de actividade relativa ao ano 2016, do que se conclúe que nun 90% das sentenzas ditadas pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística son ratificadas polos tribunais. Isto é unha proba do rigor e da profesionalidade coa que se traballa nesta entidade para velar polo cumprimento e o control da legalidade urbanística en Galicia en relación cos actos e usos do solo realizados en solo rústico.

José Antonio Cerdeira tamén indicou que durante o pasado ano se remitiron á Fiscalía un total de 119 expedientes, fronte aos 153 remitidos no ano 2015, por presunto delito contra a ordenación do territorio. Segundo o director da APLU, este dato pon de manifesto os canles de colaboración entre as distintas administracións funcionan para avanzar todos no mesmo reto que é fomentar e concienciar á sociedade da necesidade de impulsar unha cultura de respecto polo territorio e a paisaxe de Galicia.

Outro dato significativo é o feito de que a Axencia foi quen de repoñer a legalidade urbanística nun total de 182 situacións ilegais. Deste total, un 86% das demolicións efectuadas no pasado ano foron voluntarias, fronte ao 14% que foron executada de xeito subsidiario pola APLU.

Esta maior reposición da legalidade urbanística por parte dos particulares está relacionada co percepción cidadá de que cumprir coa legalidade é a solución última e óptima, coa que se evitan un maio número de multas coercitivas, salientou o director.

Ao longo do pasado ano leváronse a cabo 182 reposicións, o que se traduce na maior cifra desde 2009. Con respecto a 2015, producíronse 28 reposicións máis. O director da APLU indicou que desde a posta en marcha da Axencia executáronse case 800 reposicións da legalidade.

No ano 2016 iniciáronse 462 expedientes de reposición da legalidade ao amparo da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e da Lei de Costas, fronte aos 232 en 2009, é dicir, que se incrementou a actividade nese ámbito nun 99%.

En relación cos expedientes de reposición da legalidade resoltos, en 2016 a APLU volve a sumar unha nova marca, coa resolución de 458 expedientes, unha cifra que foi consolidando ano a ano desde 2009, cando se rexistraron 121. Indicou que 119 dos 458 resoltos foron remitidos á Fiscalía.

Ano 2009 Ano 2016

Ademais, a APLU ten a función de velar pola protección da costa, asumindo as competencias de reposición e sanción na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre. No 2016, resolvéronse 106 expedientes sancionadores no litoral, fronte aos 49 do ano anterior.

En relación coas multas coercitivas impostas –de acordo ao fixado pola normativa- amosan uns valores similares aos rexistrados nos últimos dous anos, xa que en 2015 foron 520 e no ano 2014 un total de 550; no pasado ano o número de multas ascendeu ás 541, que sumaron un importe de 1,7 millóns de euros.

A APLU é un ente de dereito público, que ten encomendado o control da legalidade urbanística en Galicia en relación cos actos e usos do solo realizados en solo rústico, e que sexan prohibidos ou suxeitos a autorización autonómica, así como na servidume de protección do domino público marítimo-terrestre.

Ademais, grazas á súa natureza consorcial, os concellos galegos poden adherirse á APLU de xeito voluntario, cedéndolle o resto de competencias que lles corresponden por lei en materia urbanística. Actualmente, hai 66concellos adheridos, que teñen unha morfoloxía moi variada, algúns de menor poboación e outros cunha alta densidade de poboación.

As principais actuacións da Axencia baséanse en: inspección urbanística e tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores; asistencia técnica e xurídica aos concellos adheridos; e formación e concienciación cidadá, a través de colaboración formativa coas universidades galegas, os colexios profesionais, e a formación de empregados públicos.

A finalidade da Axencia é velar por un uso racional do solo, pola protección do territorio e o coidado da paisaxe.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2017