Miranda acode á inauguración dunha rúa de Galicia en Niterói, recoñecemento das autoridades brasileiras á importancia histórica e de futuro da comunidade galega no país

O secretario xeral da Emigración gabou a capacidade de integración das comunidades galegas na diáspora, “conscientes de que o seu desenvolvemento ten que ir da man do da súa contorna”

Santiago, 30 de xullo de 2016
  • whatsapp whatsapp

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continúa a súa viaxe por Brasil na localidade de Niterói, que comparte xunto a de Río de Xaneiro a Baía de Guanabara, na que reside un número moi relevante de galegas e galegos, unha comunidade que fai sentir a súa voz na vida social, económica, cultural e educativa da zona.

Miranda visitou o Club Español –do que a metade dos socios son cidadáns da nosa Comunidade- sito en Itaipú, e alí mantivo unha reunión de traballo coa súa xunta directiva, ademais de achegarse a coñecer as inquedanzas das socias e socios. Trátase dunha entidade consolidada e de importante presenza social na zona, que conta con salas de ximnasia e danza, aulas de formación, unha importante biblioteca, e que tamén posúe relevantes instalacións deportivas e de ocio acuático, que a converten en referente social non só para a comunidade galega e española en xeral, senón mesmo para a local.

A visita foi o preludio da participación do secretario xeral na inauguración da Rúa de Galicia en Niterói, nome co que as autoridades locais recoñecen, precisamente, a importancia histórica e de presente da comunidade galega na zona. No acto, o secretario xeral da Emigración recordou que “as e os galegos da diáspora, o mesmo en Brasil ca noutros moitos países, teñen destacado pola súa alta capacidade de integración, conscientes de que o seu desenvolvemento persoal e profesional ten que vir da man do da súa contorna”.

Galegos no Brasil


Canda Arxentina, Venezuela, Uruguai, México, e Cuba, Brasil concentra a unha porcentaxe importante da colectividade galega emigrada á outra beira do Atlántico. Segundo os datos máis recentes do INE, arestora residen no país carioca 46.671 galegas e galegos, que ven representando o 37’29 % do total de 125.150 españois residentes na República Federativa.

Deses 46.671 galegas e galegos, 33.913 naceron xa na diáspora. É dicir: o 72’67 por cento son xa nados no propio país, constituíndo a semente dunha nova xeración da Galeguidade aínda máis inmersa na sociedade de acollida, “pero que segue a sentirse fondamente vinculada coa Galicia territorial, tal e como demostra a súa activa participación en cantos programas desenvolve a Xunta no Brasil”, tal e como salienta Rodríguez Miranda.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/07/2016