A Xunta e o concello de Ribadavia analizan os cambios necesarios no PXOM co fin de tentar axilizar a súa aprobación definitiva

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo reuniuse hoxe co alcalde e voceiros da corporación municipal para resolver dúbidas e acordar os criterios técnicos que debe ter en conta o documento para a aprobación definitiva

Santiago, 15 de febreiro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, mantivo esta mañá unha reunión cos membros da corporación municipal de Ribadavia para abordar os cambios necesarios e marcar, así, a folla de ruta que seguirá o Plan Xeral de Ordenación Municipal presentado polo concello de cara á súa aprobación definitiva. Esta primeira toma de contacto reflicte o interese mutuo en colaborar para acadar pronto a aprobación definitiva do documento.

O encontro celebrado en Santiago serviu para resolver dúbidas e acordar os criterios técnicos que se deben introducir no documento antes de que volva á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a súa aprobación final.

Encarna Rivas lembrou a importancia de establecer vías de colaboración entre administracións para sacar adiante proxectos e instrumentos que dean seguridade aos concellos. Así, reiterou a disposición dos técnicos da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para aclarar as dúbidas e canalizar as posibles solucións co fin de asegurar a tramitación e a efectividade do PXOM de Ribadavia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/02/2017