Xunta e concello de Redondela traballan para adiantar a apertura do CEIP de Chapela ao curso 2019/20

Hoxe presentouse o proxecto de execución do novo centro
 

Redondela (Pontevedra), 15 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; reuníronse hoxe co alcalde de Redondela, Javier Bas, e mais con membros da corporación municipal e da comunidade educativa do municipio para analizar a situación da construción do novo CEIP de Chapela. En concreto, hoxe presentóuselles tanto a solución para a tramitación urbanística da obra, como o proxecto de execución do edificio do colexio. Na reunión participou tamén o arquitecto do centro, Alfredo Díaz Grande.

No referido a este último punto, informouse ao Concello de que a viabilidade do proxecto esixe a elaboración dun Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) xa que, segundo valorou Medio Ambiente, é a fórmula urbanística de maior seguridade xurídica.

O conselleiro Román Rodríguez explicou que, tendo en conta que a construción do centro tería un prazo estimado duns 12 meses tal e como avanzou o arquitecto, Educación e Concello están a traballar para adiantar a apertura do novo colexio ao curso 2019/20, un ano antes do establecido no convenio entre o Concello de Redondela e Audasa.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, manifestou o compromiso do seu departamento a axilizar o máximo posible os trámites ambientais do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID), necesario para garantir a viabilidade do novo colexio. Neste sentido, a conselleira explicou que o procedemento ambiental podería prolongarse uns oito meses a partir do momento no que o Concello “remita o documento completo á Xunta”.

Beatriz Mato considerou oportuno informar á corporación municipal de Redondela e á comunidade educativa sobre o estado actual do proxecto, así como dos pasos a seguir de cara á aprobación do PEID, a fórmula urbanística que garante unha maior seguridade xurídica. Así mesmo, a titular de Medio Ambiente reiterou a súa vontade de seguir cooperando co Concello redondelán neste asunto.

Proxecto de execución

No marco da reunión de hoxe presentouse tamén o proxecto de execución da construción do CEIP, unha obra que asumirá na súa integridade Audasa. O centro contará con 9 unidades, unha por cada curso de educación infantil e primaria, e polo tanto unha capacidade de 225 alumnos.

A superficie total construída ascenderá a 2.460 metros cadrados, distribuídos en dous andares. Ademais, o centro contará con zona de aparcamento e pista deportiva descuberta. No interior, ademais das devanditas aulas, o novo colexio contará cos espazos e aulas habituais -usos múltiples, informática…- e mais con comedor e ximnasio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/02/2017