Conde aborda cos empresarios do Vinteún medidas conxuntas para impulsar a competitividade do polígono

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro de traballo con representantes de compañías asentadas no parque empresarial ourensán, en cuxa modernización a Xunta vai investir 700.000 euros

Conde escoitou as súas propostas e inquedanzas e trasladoulles as principais actuacións da consellería en eidos como o fomento do emprego, a internacionalización, o financiamento ou a innovación

Destacou que a nova estratexia Autónomo 2020, cun total de 160 millóns para os próximos 4 anos, apoiará de media máis de 10.000 traballadores cada ano
 

Ourense, 16 de febreiro 2017
  • whatsapp whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes de compañías asentadas no Polígono do Vinteún, en Ourense, no que lles trasladou aos empresarios as principais actuacións da consellería en eidos como o fomento do emprego, a internacionalización, o acceso ao financiamento ou a innovación.

Conde, que tivo a oportunidade de escoitar as súas propostas e inquedanzas, destacou entre os programas recentemente activados polo Goberno galego a estratexia Autónomo 2020 cun total de 160 millóns para os próximos 4 anos -40 millóns ao ano- co obxectivo de apoiar de media a máis de 10.000 traballadores cada ano, o que supón un incremento do 45% sobre a última lexislatura.

Para fortalecer ao sector, a estratexia ten como prioridades incorporar novas persoas ao emprego autónomo, consolidar o xa existente para garantir a súa viabilidade e simplificar e axilizar a tramitación administrativa.

Salientou Conde entre as principais medidas recollidas na estratexia a ampliación a 12 mees máis da tarifa plana de 50 euros do Estado e a mellora da conciliación aumentando 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contratada. Puxo en valor así mesmo o Bono de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade e mellora da competitividade e a posta en marcha da Oficina do Autónomo.

No encontro celebrado este serán en Ourense tamén se fixo fincapé no plan integral que permitirá a modernización das infraestruturas do polígono do Vinteún, que a Administración autonómica financiará con 700.000 euros.

Tal e como se sinalou na reunión, o proxecto contribuirá a impulsar o polígono, ademais de mellorar a seguridade tanto dos 500 traballadores das 21 empresas afincadas actualmente na zona como das persoas que visitan este equipamento industrial.

A achega económica da Xunta servirá para executar traballos de pavimentación; colocación de redes de abastecemento de auga e gas; instalación de redes de saneamento, iluminación exterior e telecomunicacións; e de sinalización tanto vertical como horizontal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2017