A directora de Turismo de Galicia participou nunha sesión informativa sobre a nova normativa para vivendas de uso turístico celebrada na Cámara de Comercio de Santiago
Nava Castro sinala que o novo decreto de vivendas de uso turístico só afectará ás que se aluguen por un período inferior a 30 días máis dunha vez ao ano

Indica que con esta nova normativa a Xunta cumpre unha demanda tanto do sector hoteleiro como do sector de aluguer de vivendas de uso turístico, as administracións, consumidores e usuarios

Lembra que o novo decreto, que entrará en vigor o 10 de maio, só esixe a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas e que sexa unha vivenda legal amoblada e equipada en condicións de inmediata dispoñibilidade
 

Santiago, 16 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe, nunha sesión informativa celebrada na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que o novo decreto de vivendas de uso turístico só afectará a aquelas que se aluguen para unha estadía de curta duración, inferior a trinta días consecutivos, dúas o máis veces ao ano.

Nava Castro sinalou que con esta nova normativa a Xunta cumpre unha demanda tanto do sector hoteleiro como do sector de aluguer de vivendas de uso turístico, as administracións, consumidores e usuarios que viñan solicitando unha regulación que cubrira o baleiro legal ocasionado pola exclusión desta tipoloxía erradicando.

O novo decreto busca, así, erradicar as problemáticas máis relevantes vinculadas á tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual para fins turísticos ofrecendo un marco de seguridade xurídica tanto aos particulares e a todo o sector turístico como aos usuarios.

A responsable de Turismo de Galicia lembrou que a normativa, que entrará en vigor o 10 de maio, só esixe a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia (REAT) e que sexa unha vivenda legal amoblada e equipada en condicións de inmediata dispoñibilidade.

Xornadas informativas

Turismo de Galicia celebrou, por outra parte, no día de hoxe outra charla informativa en Ribadeo que contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

O obxectivo das xornadas é explicar os aspectos fundamentais do novo decreto e intentar resolver as dúbidas, preguntas e cuestións que poidan xurdir en relación co seu contido e aplicación.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2017