O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o alcalde ourensán, Jesús Vázquez Abad, e o vicepresidente da Deputación ourensá, Rosendo Fernández Fernández, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo
Xunta, Concello e Deputación acordan o emprazamento do futuro centro de atención terapéutico e ocupacional de Ourense

O responsable da área social do Goberno galego reiterou o seu compromiso de dotar á cidade das Burgas dun centro para a atención das persoas con discapacidade de máis de 21 anos da provincia na zona de Berrocás

Ourense, 16 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu esta tarde en Ourense a unha xuntanza técnica para analizar o emprazamento do futuro centro terapéutico e ocupacional para a atención ás persoas con discapacidade de máis de 21 anos da provincia (CAPD). No encontro, que se desenvolveu nas dependencias da Delegación Territorial, tamén participaron o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez Abad, a representante da Xunta para a zona, Marisol Díaz Mouteira, e o vicepresidente da Deputación ourensá, Rosendo Fernández Fernández.

O obxecto desta reunión foi analizar as posibles alternativas que existen para localizar o devandito centro e dar así cumprimento á demanda dos pais e nais afectados e á decisión plenaria da corporación ourensá, toda vez de que o proxecto de adaptar a antiga Escola Fogar de Mariñamansa para albergar este equipamento foi finalmente desestimado.

Logo do estudo por parte dos técnicos das administracións presentes na reunión das distintas alternativas propostas polo Concello, optouse finalmente por unha finca emprazada no barrio de Berrocás. Unha parcela de titularidade municipal de uso dotacional, de preto de 4.600 metros cadrados, duplicando deste xeito os metros inicialmente previstos. O conselleiro subliñou que a elección destes terreos “facilitará que Ourense dispoña dun centro que responda ás demandas expresadas polos pais e nais”.

Cómpre subliñar, tamén, que a parcela elixida cumprirá os requisitos urbanísticos precisos, cando o aprobe o pleno do Concello. O alcalde ourensán comprometeuse a someter esta modificación necesaria na próxima sesión plenaria do Consistorio da cidade, que se celebrará no mes de marzo.

Tras a xuntanza desta tarde, o responsable da área social do Goberno galego reiterou o compromiso de dotar á cidade de Ourense dun centro de atención terapéutico e ocupacional.
 

Data de actualización: 16/02/2017