O Consello Forestal de Galicia ultima a posta en marcha das mesas da castaña e da madeira para fomentar ambos sectores

A conselleira do Medio Rural presidiu a reunión deste órgano asesor da Xunta, que tamén abordou diferentes melloras na normativa que regula a xestión do monte

Ángeles Vázquez salientou a importancia de ambas mesas para poñer en valor dúas das producións máis senlleiras do bosque galego e destacou o seu peso na economía galega tanto en creación de riqueza como de emprego
 

Santiago, 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O Consello Forestal de Galicia avanzou hoxe na regulación das mesas da castaña e da madeira, órganos de coordinación e colaboración entre a Xunta e o sector destinados a impulsar un desenvolvemento sustentable destes aproveitamentos do monte, a través do seu fomento, regulación e promoción.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu a reunión do Consello Forestal e salientou a importancia de ambas mesas para poñer en valor dúas das producións máis senlleiras do bosque galego. Así, lembrou que Galicia é a principal comunidade autónoma de España en cultivo e exportación de castaña, cunha produción que na última campaña superou os 20 millóns de quilos e un valor económico xerado de arredor de 70 millóns de euros. E engadiu que, ademais deste valor económico, o froito do castiñeiro ten na nosa comunidade un destacado valor social, ecolóxico e cultural, que tamén serán obxecto de atención nesta mesa.

Con respecto á madeira, Ángeles Vázquez destacou a existencia dunhas 3.000 empresas en Galicia dedicadas a esta actividade, cunha facturación global que rolda os 1.750 millóns de euros e un volume de emprego, directo e indirecto, que se sitúa en aproximadamente 70.000 postos de traballo.

En ambos casos –a castaña e a madeira– as mesas de próxima creación serán órganos colexiados de representación sectorial, co fin de cumprir os obxectivos de fomento, promoción e mellora destas producións. Terán un carácter consultivo e asesor e estarán integrados por representantes da Xunta e dos principais axentes sociais relacionados con ambos eidos produtivos.

Normativa forestal

Nesta xuntanza do Consello Forestal tamén se abordaron outras cuestións de interese para o sector, fundamentalmente relacionadas coa normativa que o regula. Neste sentido, tal e como explicou a conselleira, presentouse por parte da Xunta o borrador do decreto que regula as plantacións de eucalipto.

Con esta norma tamén se busca levar a cabo un control da expansión das especies forestais invasoras -no caso das acacias e robinias- e acadar unha xestión sustentable das masas de frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo, ameneiro, freixo ou sobreira, entre outros) mediante o desenvolvemento de instrumentos de ordenación e xestión. Asemade, no caso das frondosas, vaise favorecer a súa xestión forestal activa, mediante actuacións de mellora e aproveitamento continuadas e poderán ser obxecto de contratos públicos de xestión forestal, así como estar xestionadas por sociedades de fomento forestal (Sofor).

A norma avoga principalmente pola ordenación dos montes, de xeito que se conserven os recursos forestais e se aproveiten de xeito sustentable. Regula e limita as novas plantacións deste xénero, buscando harmonizar o seu aproveitamento económico co coidado da diversidade e o medio ambiente. A titular de Medio Rural recalcou que este borrador de decreto está aberto ao debate participativo e enriquecedor por parte dos axentes sociais. E engadiu que non se trata simplemente de prohibir a plantación de eucaliptos, senón de ordenar, co máximo consenso posible, este e outros cultivos forestais, tendo en conta a súa riqueza económica e social e tamén consideracións ambientais, centradas na sustentabilidade do monte.

Neste sentido, búscase preservar a identidade forestal daquelas zonas nas que apenas hai eucalipto ou esta especie ten escaso rendemento económico, é dicir, naquelas áreas onde non hai tradición deste cultivo.

O Consello Forestal abordou ademais hoxe diferentes melloras que se están a introducir na normativa que regula os aproveitamentos dos montes. Con elas, segundo a conselleira, trátase de axilizar, por exemplo, os trámites e facilitar o cumprimento da lexislación por parte dos seus titulares –especialmente, neste caso, no que atinxe aos montes veciñais en man común–. Tamén se procura flexibilizar prazos nas instrucións xerais de ordenación e xestión de montes, para que o acceso ás subvencións que se convoquen sexa máis favorable aos propietarios que cumpren coas súas obrigas.

Nesta reunión o Consello Forestal tamén avaliou o borrador de decreto polo que se regula a posibilidade de que a Xunta traspase a xestión dos montes de utilidade pública aos concellos que o soliciten e, finalmente, presentáronse os plans de actuación para 2017 en materia de sanidade forestal.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 17/02/2017