O conselleiro José Manuel Rey Varela entrevistouse esta mañá en San Caetano co rexedor Clemente Iglesias González
Política Social mellora o servizo de atención a dependentes no contorno familiar no municipio lucense de Riotorto

A Xunta de Galicia incrementou en máis dun 25% o número de horas dispoñibles no SAF-Dependencia nesta vila de Lugo, coa finalidade de ampliar a cobertura desta prestación

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continuou hoxe coa rolda de encontros con alcaldes e alcaldesas de Galicia para afondar nas liñas de colaboración entre administracións cunha xuntanza co primeiro edil do concello de Riotorto, Clemente Iglesias González. A entrevista, que tivo lugar en San Caetano, serviu para abordar a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nesta vila da provincia de Lugo.

A Consellería de Política Social vén de incrementar en máis dun 25% as horas dispoñibles do SAF Dependencia en Riotorto, o que supón un aumento de 1.114 horas máis ao mes ata alcanzar as 13.368 ao ano nunha prestación de coidados no contorno familiar da que se benefician unha vintena de veciños e veciñas de Riotorto.

Por outra banda, e no que atinxe ao mapa de infraestruturas locais que dependen da Administración autonómica, este municipio lucense conta cunha vivenda sociocomunitaria (20 prazas) construída a través do Plan Concertado e en servizo dende 2009.

Conselleiro e rexedor acordaron seguir estudando posibles novas vías de colaboración entre a administración autonómica e a local para mellorar os servizos de atención aos cidadáns.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2017