A Xunta impulsará un novo plan de cooperación con Portugal en materia de emerxencias e riscos transfronteirizos

O proxecto Ariem+ abordará a prevención e xestión de riscos naturais relacionados co clima e con actividades humanas

Elaborará un Plan Territorial Transfronteirizo de Emerxencias que permita a máxima protección para as persoas, o medio ambiente e bens que poidan verse afectados
 

Oporto, 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou no Porto a aprobación do proxecto Ariem+, un novo plan de cooperación en materia de emerxencias e riscos transfronteirizos. Rueda fixo o anuncio trala reunión de traballo mantida hoxe entre a Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal (CCDR-N).

O novo proxecto xira en torno a dous eixos básicos. Por un lado, a prevención de riscos naturais relacionados co clima (inundacións, incendios, secas...) e de riscos relacionados con actividades humanas (accidentes tecnolóxicos, instalacións industriais...). Por outro, a definición de medidas de adaptación ao cambio climático en materia de sensibilización da poboación e de protección civil e creación de sistemas e infraestruturas de xestión de catástrofes.

Os obxectivos do Ariem+ son a definición dun Plan Territorial Transfronteirizo de Emerxencias que permita obter a máxima protección para as persoas, o medio ambiente e os bens que poidan verse afectados; a creación dunha rede de mando operativo único para a xestión conxunta dos recursos humanos e materiais en situacións de risco que mellore a xestión e coordinación in situ de emerxencias; a identificación dos riscos da zona, en especial os derivados do cambio climático (incendios forestais, inundacións...) e definición dun plan de actuación ante eles, e o reforzo da capacidade operativa incorporando novas tecnoloxías TIC e novos medios para a prevención e xestión de riscos.

Ademais, apostarase pola formación especializada na resposta aos riscos detectados e no uso dos medios adquiridos, e tratarase de sensibilizar á poboación sobre os riscos identificados, as vías de prevención e autoprotección.

Vindeiro plenario

A reunión tamén serviu para abordar a organización do vindeiro Plenario da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal. Este grupo foi constituído en 1991 coa finalidade de favorecer unha dinámica de encontros regulares entre Galicia e o Norte de Portugal, para tratar asuntos de interese común, intercambiar informacións, coordinar iniciativas e examinar as posibilidade de solucionar os problemas comúns ou de contribuír á súa solución por medio de acordos, de decisións tendentes a unha solución coordinada, ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes, así como a elaboración e presentación de proxectos de cooperación conxuntos.

No decurso do próximo Plenario, que se celebrará en Braga, a presidencia da comunidade de traballo será asumida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2017