A Xunta achega a máis de 500 estudantes de primaria as claves para un consumo seguro dos produtos de entroido

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, asistiu no CEIP Benigno Quiroga de Lugo a unha actividade na que os máis pequenos aprenderon xogando a ser inspectores e técnicos do Laboratorio de Consumo de Galicia

Puideron traballar cos produtos máis consumidos nesta época, como poden ser disfraces, máscaras, perrucas, pinturas faciais ou todo tipo de artigos de broma

O IGCC intensifica como cada ano os controis para asegurar que os produtos que están á venda non presentan riscos, incrementando as inspeccións e analizando no Laboratorio artigos de Entroido destinados aos máis pequenos

Esta iniciativa permitiu detectar o ano pasado 11 produtos inseguros, que foron comunicados á Rede de Alerta Nacional para a súa retirada do mercado

Recoméndase facer un consumo responsable ao mercar este tipo de produtos como medida de prevención de accidentes
 

Lugo, 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou esta mañá no CEIP Benigno Quiroga Ballesteros de Lugo nunha actividade na que alumnos e alumnas de primaria puideron aprender as claves para un consumo responsable dos produtos de Entroido xogando a ser Inspectores de Consumo ou técnicos do Laboratorio de Consumo de Galicia.

A iniciativa forma parte do programa de actividades centradas no Entroido organizadas pola Escola Galega de Consumo, na que está previsto que participen estes días máis de 500 escolares galegos. Estas xornadas céntranse nos distintos disfraces, perrucas, pinturas e demais artigos que se poden atopar á venda en calquera establecemento comercial e busca ofrecer pautas e consellos para unha compra e un uso axeitado e seguro desta clase de produtos. Os alumnos poden traballar directamente con mostras reais para aprender a recoñecer, identificar e evitar os seus riscos.

Con esta actividade formativa achégase tamén aos máis novos o traballo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia nas súas tarefas de vixilancia do mercado e de retirada de produtos inseguros. O IGCC ten en marcha un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras, cuxa venda se intensifica durante a tempada de Entroido.

Así, nas últimas semanas intensificáronse as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar unha primeira partida de vinte mostras.

Sempre que se detecta que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro. O ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional 11 produtos relacionados con disfraces que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa.

Consellos para a compra de disfraces


Desde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos. Desde o Instituto recórdase que os disfraces para menores teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiquetaxe a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior.

Os disfraces dos menores de 7 anos non deben ter compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia (cordóns demasiado longos ou botóns que se poidan desprender con facilidade). Tampouco se permiten cordóns ou fitas que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Por outra banda, recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

Os traxes que non sexan axeitados para menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2017