A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a zona vella desta localidade, na que o Goberno galego adquiriu estes bloques para reparalos e destinalos a vivenda social
Ethel Vázquez destaca a posta en marcha do Plan Rexurbe coa licitación hoxe das obras de rehabilitación de 3 edificios no casco histórico de Betanzos, cun investimento de 1,2 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das actuacións de reparación destes bloques, cumprindo así o compromiso que lle trasladou o mes pasado a conselleira ao alcalde nunha xuntanza de traballo

A conselleira avanza que a Xunta iniciará as obras este ano co obxectivo de que estean rematadas en 2018

Trátase de dous inmobles situados na rúa Cerca, números 9 e 13, e doutro edificio en Venela dos Clérigos, 13, que tras a súa rehabilitación permitirán obter 6 vivendas e 3 locais comerciais

Vázquez Mourelle indica que estas actuacións inclúense no Programa Rexurbe, co que se adquirirán e recuperarán edificios degradados en cascos antigos, que logo pasarán a integrar o parque público de vivenda en alugueiro da Xunta

Subliña a aposta do Goberno galego pola rehabilitación, que será un eixo prioritario nesta lexislatura, xa que supón a mellora das condicións de vida dos veciños e a dinamización dos centros emblemáticos das vilas

Lembra que o seu departamento está a traballar coa Dirección Xeral de Patrimonio na Lei de cascos históricos, que busca impulsar, facilitar e axilizar as actuacións de rehabilitación e rexeneración urbana
 

Betanzos (A Coruña), 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Betanzos, Ramón García, visitou hoxe o casco histórico desta localidade, no que o Goberno galego adquiriu tres edificios cuxas obras de rehabilitación se licitan hoxe co obxectivo de comezalas este ano e rematalas en 2018 para destinalos a vivenda social.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das actuacións de reparación destes bloques, cun investimento de arredor de 1,2 millóns de euros, cumprindo así o compromiso que lle trasladou o mes pasado a conselleira ao alcalde nunha xuntanza de traballo. Neste sentido, nos Orzamentos da Xunta de 2017 xa se reservou unha partida de 700.000 euros destinada ao arranxo destes tres edificios.

Trátase de dous inmobles situados na rúa Cerca, nos números 9 e 13, e doutro edificio situado en Venela dos Clérigos, no número 13. Estas accións de rehabilitación permitirán obter 6 vivendas e 3 locais comerciais.

Vázquez Mourelle indicou que estas actuacións inclúense no Programa Rexurbe, que aglutina as obras de rehabilitación directa que se realizan desde a Xunta. Precisou que é un programa que se inicia en Betanzos e co que se impulsará a recuperación dos cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas, mediante a adquisición e rehabilitación de edificios degradados; que logo pasarán a integrar o parque público de vivenda en alugueiro da Xunta, conformado actualmente por máis de 3.100 vivendas.

A titular de Vivenda da Xunta subliñou que o Goberno galego aposta pola rehabilitación, que será un dos eixes prioritarios da política de vivenda nesta lexislatura, xa que se trata dunha solución eficiente e sustentable á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda das familias. Ademais, engadiu que este tipo de actuacións teñen repercusión directa na mellora das condicións de vida dos veciños que viven nos barrios e supoñen recuperar o patrimonio construído e dinamizar centros emblemáticos das vilas.

A conselleira lembrou que o seu departamento está a traballar conxuntamente coa Dirección Xeral de Patrimonio-, na Lei de cascos históricos, que busca impulsar, facilitar e axilizar as actuacións de rehabilitación e rexeneración urbana. Precisou que esta lei será unha grande oportunidade para a recuperación e revitalización daqueles concellos que, como Betanzos, atesouran historia e importantes valores patrimoniais nas súas rúas e centros históricos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2017