Agolada reforma a rede de subministración de auga potable a través da orde de infraestruturas de Vicepresidencia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo unha comprobación material dos traballos realizados acompañado do alcalde da localidade, Ramiro Varela

Agolada (Pontevedra), 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde de Agolada, Ramiro Varela, visitou esta mañá este concello co obxectivo de comprobar as obras que se realizaron a través da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público e que permitiron reformar a rede de subministración de auga potable do municipio.
Grazas a estas axudas, o concello de Agolada puido levar a cabo a substitución e reparación da instalación de bombeo así como da rede de auga potable, cun orzamento de algo máis de 33.000 euros que foi sufragado ao 100% pola administración autonómica a través da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, facéndose cargo o concello do pago do IVE correspondente.

A principal actuación que se levou a cabo a través deste proxecto foi o subministro, instalación e posta en marcha de dúas bombas de impulsión, ademais da reparación das outras dúas que xa existían e que tiñan un funcionamento deficiente xunto con outras melloras nas estacións de bombeo e tratamento de augas do río e a da estación de bombeo de Fonte Arcada.

Tal e como explicou José Manuel Cores Tourís, a nivel provincial, “a orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2016, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, contou cunha axuda global de 1,7 millóns de euros”.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas, engadiu o delegado territorial.

As actuacións subvencionables baixo esta orde foron proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2017