Beatriz Mato invita aos enxeñeiros industriais a colaborar na implantación da economía circular en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente participou hoxe nun almorzo de traballo con membros do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, aos que animou a impulsar medidas respectuosas co contorno

A titular do departamento autonómico destacou o papel que xogan estes profesionais na planificación e loxística en redes de recollida de residuos que favorezan a súa selección, tratamento e reciclaxe

Beatriz Mato lembrou que Galicia conta cun Plan de Xestión de Residuos Industriais 2016-2022, que conta cunha dotación de 19 millóns de euros
 

Santiago, 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, convidou aos enxeñeiros industriais de Galicia a colaborar na implantación de sistemas que axuden a mudar o actual modelo de produción cara a unha economía circular. Así, a titular do departamento autonómico propuxo a estes profesionais defender proxectos orientados a substituír sistemas económicos baseados en producir, consumir e tirar por produtos e materias primas que, mediante a reciclaxe ou a valorización, se incorporen unha e outra vez aos procesos produtivos.

Durante un almorzo de traballo celebrado esta mañá na delegación en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Beatriz Mato explicou que “a economía circular pasou a ser unha prioridade nas políticas dos responsables políticos e empresariais, presente xa na axenda económica e ambiental da Unión Europea”.

Así mesmo, Mato explicou que Galicia conta “co novo Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de decembro, que incorpora todas as directrices do Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos 2016-2022”. “A Xunta –engadiu Beatriz Mato- destinará 19 millóns de euros para o desenvolvemento deste plan, que conta cun total de 108 medidas”.

Na mesma liña de implantación de políticas que contribúan a reducir, reutilizar, recuperar e reciclar, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou o “papel fundamental” que xogan os enxeñeiros industriais na planificación e loxística nas redes de recollida de residuos. Beatriz Mato sinalou que o traballo destes profesionais pode axudar a integrar criterios ambientais en eidos como (eco)deseño, desenvolvemento, fabricación, control de calidade, xestión e administración de ideas, procesos, produtos ou sistemas orientados á reutilización, reparación ou reciclaxe.

Por último, a titular do departamento autonómico, enxeñeira industrial de profesión, tendeulle a man aos participantes no almorzo de traballo para estudar posibles liñas de colaboración este colectivo. Ademais, animounos a seguir traballando para que o desenvolvemento industrial de Galicia sexa cada vez máis sustentable.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2017