A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso coa recuperación e mantemento do Parque Natural das Fragas do Eume a través de axudas a particulares, a entidades e de investimentos directos

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, comprobou o resultado das obras de acondicionamento das pasarelas da Figueira e do Fornelo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinou o ano pasado máis de 173.000 euros a diferentes intervencións de rehabilitación na zona
 

A Coruña, 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá diferentes zonas do Parque Natural das Fragas do Eume para comprobar de primeira man as actuacións levadas a cabo na contorna pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

O delegado territorial trasladouse á ruta paralela ao río Eume, no corazón do Parque Natural, para visitar o acondicionamento das pontes da Figueira e de Fornelo, nos que a Consellería de Medio Ambiente ven de investir máis de 40.000 euros. Os traballos consistiron no acondicionamento e reforzo de ambas as dúas estruturas, a colocación de biondas, a reposición dos listóns de madeira e diversas actuacións de xestións de residuos e seguridade. Tamén foi colocada unha pasarela de madeira no río Sesín.

A Xunta de Galicia destinou o pasado ano máis de 173.000 euros a diferentes actuacións en elementos naturais de esta fraga, unha das de maior valor ecolóxico da comunidade. Ademais do mantemento das pontes colgantes, completouse una programa de reforestación por valor de preto de 60.000 euros, máis de 19.000 euros dedicados á xestión de residuos do encoro do Eume ou unha intervención de 12.000 euros en herpetofauna, é dicir, no estudo e coidado dos anfibios e réptiles, desenrolada pola Universidade da Coruña..

Ovidio Rodeiro, que acudiu acompañado polo director do Parque Natural, Alberto Otero, e a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Cristina Carrión, destacou o esforzo feito polo Goberno galego no “coidado e recuperación dun dos espazos naturais máis relevantes da comunidade”. O delegado lembrou a “catástrofe ecolóxica que sufriron as fragas na primavera do ano 2012” e fixo fincapé no “esforzo que desde aqueles dolorosos días está a facer a Xunta por recuperar e mellorar a contorna natural do Eume”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2017