A Xunta favorece a conciliación de máis de 9.000 empregados públicos cos réximes de flexibilidade horaria e teletraballo

Un total de 9.038 persoas benefícianse da flexibilidade horaria e 172 da modalidade de traballo non presencial ou “teletraballo”

Santiago, 20 de agosto de 2016
  • whatsapp whatsapp

Máis de 9.000 empregados públicos da Xunta están acollidos ás modalidades de flexibilidade horaria e teletraballo, dúas das medidas que o Goberno puxo en marcha hai case dous anos para fomentar a conciliación da vida laboral e familiar dos seus traballadores.

A comezos de 2014 púxose en marcha na Administración galega a posibilidade de que os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia flexibilizasen a súa xornada laboral e se acollesen á modalidade de teletraballo cando ocupasen determinados postos e as necesidades do servizo o permitisen.

En canto a flexibilidade horaria, con datos pechados a 31 de xullo, 9.038 persoas benefícianse desta iniciativa (607 traballadores máis que a finais de 2015) , 1.080 baixo o réxime de conciliación familiar -é dicir, teñen fillo/as menores de 12 anos ou persoas dependentes ao seu cargo- e o resto na súa modalidade “automática”.

Por ámbito territorial, do total de traballadores con flexibilidade horaria -en calquera das dúas modalidades- o 62 por cento correspondese ao persoal que presta servizo no ámbito “periférico”, fronte ao 38 por cento de persoal de servizos centrais da Xunta.

172 empregados traballan a distancia

No eido do teletraballo, xa son 172 os empregados públicos que prestan servizo a través desta modalidade de traballo non presencial. Destes, o 76 por cento dos postos autorizados atópanse en servizos centrais, mentres que o restante corresponde a postos de servizos periféricos.

En maio de 2015 comezaron as primeiras prórrogas do teletraballo, unha vez se cumpriu o prazo dun ano desde as primeiras autorizacións concedidas. Actualmente, todos os empregados públicos que comezaron a traballar hai un ano foron autorizados para prorrogar esta modalidade un ano máis, froito da boa experiencia e beneficios desta medida.

Cabe recordar que os traballadores acollidos a este réxime son aqueles que polas características do seu posto así como polas necesidades do servizo o permitisen. Entre estes postos destacan os letrados, asesores xurídicos, corpos de inspección -farmacéutica, urbanística, de traballo, de saúde pública-, tradución, entre outros.

Por departamentos, as consellerías con máis empregados acollidos ao sistema de teletraballo son a Presidencia (52), Medio Rural (23), Vicepresidencia (21), seguidas de Sanidade (21) e da antiga Consellería de Traballo e Benestar (15).

Data de actualización: 20/08/2016