A conselleira do Mar visitou esta mañá o cocedoiro Vitalmar Pescados y Mariscos, do Grupo Proinsa (Promotora Industrial Sadense)
O valor económico das vendas de mexillón en Galicia no ano 2015 medrou preto dun 14% con respecto ao ano anterior

As boas cifras tamén se reflectiron nas descargas, que aumentaron máis dun 12% durante o pasado ano

Rosa Quintana enxalzou o labor de Vitalmar como exemplo da aposta pola transformación e comercialización de mexillón
 

Castro de Rei (Lugo), 26 de agosto de 2016
  • whatsapp whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá as instalacións do cocedoiro Vitalmar Pescados y Mariscos situada en Castro de Rei (Lugo), pertencente á ao Grupo Proinsa (Promotora Industrial Sadense) para coñecer de primeira man a súa actividade. Alí Rosa Quintana destacou o aumento de preto do 14% na facturación acadada polas vendas de mexillón en Galicia, que pasaron de 98 millóns de euros no 2014 a máis de 112 millóns no 2015.

Estas boas cifras tamén se viron reflectidas nas descargas, que aumentaron máis dun 12% en Galicia durante o 2015 con respecto ao ano anterior, pasando de máis de 235.400 toneladas no 2014 a 264.109 no pasado ano.

Na visita a conselleira loou o labor deste cocedoiro e púxoo como exemplo da aposta polo sector transformador e comercializador. Rosa Quintana destacou que empresas como Vitalmar engaden valor ao mexillón, tan característico na nosa comunidade e do que viven tantas familias.

Vitalmar

O cocedoiro de Proinsa iniciou a súa actividade no 2007 en Castro de Ribeiras de Lea. Ten capacidade para procesar máis de 100Tm de mexillón por día e conta con 4000m² de superficie. Ademais dispón dun laboratorio propio no que someten a produción a un estrito control de calidade.

Esta empresa comercializa mexillón cocido, en salmoira, con media cuncha, en escabeche, á vinagreta ou en conserva e pasteurizado, baixo a marca Marvital Selección e Mar de Lorbé.

Grupo Proinsa

O Grupo Proinsa é un grupo familiar, con capital 100% galego, integrado por compañías dedicadas á alimentación. Naceu hai 40 anos no porto de Sada (A Coruña) e expandiuse a varios puntos da xeografía española.

Esta empresa dedícase á produción de mexillón en bateas e long-lines, sendo o principal produtor individual de mexillón de Galicia. Posúe un total de 100 unidades de cultivo e conta cunha frota de 6 barcos equipados para as tarefas de produción do mexillón. Os principais clientes desta empresa son depuradoras para produto fresco, cocedoiros, comercializadores de vianda e conxelado e fábricas de conservas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 26/08/2016