As propostas lingüísticas do 'Galicia Culturea' percorreron durante o verán 59 concellos da Rede

'Contos vellos para rapaces novos', 'O zapateiro e o raposo' e 'Palabras máxicas' despediron a primeiros de mes o programa promovido desde a Consellería de Cultura e Educación logo de seis semanas nos carteis das principais festas e programacións estivais municipais

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016
  • whatsapp whatsapp

As tres propostas de dinamización lingüística impulsadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) no marco do 'Galicia culturea. Cultura e lingua no verán', da Consellería de Cultura e Educación, despediron a primeiros deste mes o programa, logo de seis semanas nos carteis das principais festas e programacións de verán dun total de 59 concellos.

'Contos vellos para rapaces novos', a peza de contacontos baixo carpa deseñada como homenaxe a Xosé Neira Vilas e baixo a finalidade de poñer en valor a lingua galega e a súa transmisión oral, chegou en exclusiva a 24 localidades desde finais de xullo ata finais de agosto: Abegondo, Ames, A Baña, Boqueixón, Cee, Ponteceso, A Laracha, Muxía, Noia, Ordes, Ribeira, Vedra, Zas, A Estrada, Marín, Pontecesures, Valga, Vila de Cruces, Cartelle, Ourense, Quintela de Leirado, Mondoñedo, Triacastela e Burela.

A segunda das propostas, tamén en formato de contacontos, 'O zapateiro e o raposo', compartiu co público familiar os lances máis divertidos dos protagonistas da nova saga do zapateiro editada por Bolanda, que recibiron como agasallo os miúdos e as miúdas asistentes para darlle continuidade ao labor de contar na casa. Chegou durante o mes de agosto a outrous 16 concellos: Bergondo, Boiro, Carral, Cabana de Bergantiños, Curtis, Santa Comba, Corcubión, Arbo, Mos, Salceda de Caselas, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Cospeito, Palas de Rei e Sober.

O mago Dani García deuse cita coa cativada e co público en xeral no marco das festas patronais doutras 20 localidades da RDL, ás que levou o seu espectáculo de 'Palabras máxicas' ata o domingo pasado: Arteixo, Boimorto, Laxe, Lousame, Melide, Ortigueira, Padrón, A Pobra do Caramiñal, A Cañiza, As Neves, Moraña, Ponteareas, Silleda, Ribadavia, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar, Barreiros, Quiroga, Viveiro e Portomarín.

As tres actividades lingüísticas tiveron o idioma propio de Galicia como protagonista para visibilizalo con propostas de calidade durante o ocio estival, nas principais festas e tamén nas rúas, nas prazas e nos espazos exteriores máis concorridos de 59 concellos dos máis de 170 que participan na RDL da Xunta de Galicia
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/09/2016