A Xunta e entidades de atención á diversidade abordan os retos da educación inclusiva en Galicia

Román Rodríguez e técnicos da Consellería mantiveron hoxe na Cidade da Cultura unha reunión de traballo con máis de trinta responsables de entidades centradas na atención á diversidade e a educación inclusiva

O conselleiro destacou “o gran labor de cooperación” e o traballo en prol da educación realizado da man destas entidades
 

Santiago, 6 de setembro de 2016
  • whatsapp whatsapp

Esta tarde o Museo de Galicia da Cidade da Cultura acolleu unha reunión de traballo entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e responsables de distintas entidades involucradas na atención á diversidade e a educación inclusiva coas que a o Goberno autonómico ten asinado diversos acordos e convenios de colaboración.

O conselleiro destacou o excelente labor de cooperación educativa no que “gran parte do éxito radica no talento e talante dos profesionais e voluntarios que traballan nas diversas entidades que axudan a construír un sistema educativo máis inclusivo, integrador e onde se garanta a igualdade de oportunidades.”

Participaron na reunión, ademais dos responsables da Xunta, representantes de Amencer-Aspace, Aspace-A Coruña, Asociación Amicos, Autismo Ourense, Aspronaga, Aspanes-A Coruña, Asociación Nosa Señora de Chamorro, Fundación Menela, Federación galega de institucións para a Síndrome de Down (Down Galicia), Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral, Confederación Galega de Persoas con Parálise Cerebral (COGAMI), Asociación galega de familias de persoas afectadas polo síndrome de Asperger (ASPERGA), Fundación María José Jove, Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA), Federación Galega de Asociacións de Persoas con TDAH, FADEMGA e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Posta en común

A xuntanza serviu para poñer en común o labor realizado no ámbito da atención á diversidade e a escola inclusiva e analizar o desenvolvemento dos diferentes protocolos de actuación cos que se dá resposta aos retos e as situacións concretas que teñen a súa orixe na propia diversidade social.

Falouse tanto do camiño seguido para favorecer a atención educativa ao alumnado con algún tipo de discapacidade, establecendo medidas encamiñadas á súa atención, como do fomento entre o profesorado diversos programas de formación acaídos aos retos da diversidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/09/2016