A xuntanza realizouse durante os días 9, 10 e 11 de setembro no albergue de Gandarío (Bergondo), pertencente á rede xuvenil da Xunta de Galicia
A Xunta promove o I Encontro de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia que vén de rematar hoxe co concerto da banda sinfónica en Betanzos tras unha fin de semana de convivencia

O encontro de bandas levado a cabo en Gandarío supuxo o premio a todas as bandas participantes no I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, promovido pola Xunta de Galicia e celebrado na Cidade da Cultura de Galicia o pasado domingo 10 de xullo

Betanzos (A Coruña), 11 de setembro de 2016
  • whatsapp whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e mais o director da AGADIC, Jacobo Sutil, asistiron na xornada de hoxe ao concerto celebrado na Praza do Concello de Betanzos a cargo da Banda Sinfónica do I Encontro de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia. O devandito encontro realizouse durante os días 9, 10 e 11 de setembro no Albergue de Gandarío (Bergondo), pertencente á rede xuvenil da Xunta de Galicia. O evento contou con David Fiuza, actual director da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares, como director.

A Gandarío tamén se desprazaron docentes de recoñecido prestixio para impartir distintos cursos de formación e interpretación musical, así como os directores titulares das. Alí leváronse a cabo exercicios en agrupación bandística, brindando deste xeito unha forma de traballo difícil de levar a cabo por cada formación no resto do ano, con ensaios por seccións (cordas ou familias de instrumentos) e ‘tuttis’, para a posterior posta en común baixo a tutela dun director artístico. Nesta estadía, fíxose fincapé en que tanto o tempo de ensino como o de lecer e descanso supoñen un compendio de experiencias enriquecedoras arredor dos valores fundamentais da convivencia.

O encontro de bandas levado a cabo en Gandarío supuxo o premio a todas as bandas participantes no I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, promovido pola Xunta de Galicia e celebrado na Cidade da Cultura de Galicia o pasado domingo 10 de xullo. O encontro musical no que participaron preto de 500 mozos e mozas instrumentistas procedentes de 11 agrupacións musicais galegas serviu para que os rapaces puideran avanzar na súa formación e amosar o seu traballo ao público.

Este evento é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP). Deste xeito, o evento incorpórase ao marco de cooperación continuada da Xunta de Galicia cara a este colectivo, no que figura xa o apoio a outras actividades, como o certame ou o concurso de composición anuais.

Tanto o festival como o encontro contaron coa participación dos compoñentes das bandas, todos eles menores de 20 anos e procedentes das 11 bandas escollidas por sorteo entre todas as federadas que se presentaron ao proxecto. Son, en concreto, rapaces e rapazas da Banda Xuvenil Unión Musical Ponteledesma, Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal, Banda Xuvenil da Banda Artística de Merza, Xoven Banda de Música Municipal de Valga, Banda Xuvenil da Cultural de Teo, Banda Infantil de Narón, Banda Infantil e Xuvenil de Antas de Ulla, Banda Xuvenil Santa Cruz de Ribadulla, Banda da Escola de Música de Valladares, Sons e Soños (Rábade-Begonte-Outeiro) e Banda de Música de Visantoña.

Data de actualización: 11/09/2016