Representantes do Goberno de Cuba visitan Galicia para avanzar en vías de colaboración relacionadas co mar, a sanidade e o naval

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, de Sanidade e de Mar mantiveron diferentes encontros con esta delegación

Coñeceron as instalacións de distintos centros como o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, o Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e o o Instituto Galego de Promoción Económica

Ademais visitaron o porto de Vigo, Anfaco, Conxemar, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Armadores de Vigo e coñeceron as instalacións de Estaleiros Armón e do Cluster do Naval de Galicia (Aclunaga)
 

  • whatsapp whatsapp

Santiago, 17 de setembro de 2016.- Unha delegación do goberno de Cuba visitou esta semana Galicia para coñecer aspectos da nosa comunidade en materia de pesca, sanidade e o naval co obxectivo de avanzar en vías de colaboración. Esta delegación composta por membros do Centro de Investigaciones Pesqueras, do Grupo de Traballo Estatal Bahía Habana e do Grupo Empresarial do Transporte Marítimo Portuario mantiveron o martes diferentes encontros coa conselleira do Mar, Rosa Quintana; co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicoulles o funcionamento e estrutura orgánica da Consellería do Mar, así como as competencias da administración pesqueira de Galicia. Ademais neste campo o martes visitaron e coñeceron as instalacións e funcionamento do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), onde coñeceron o importante labor deste centro para garantir aos consumidores a calidade dos produtos pesqueiros das augas de Galicia.

O mércores, acompañados polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, coñeceron as instalacións do porto de Vigo e asistiron á poxa de peixe na lonxa. Ademais mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Armadores de Vigo (ARVI) e visitaron a Asociación Nacional de Produtos Conxelados Conxemar. A maiores, o xoves coñeceron as instalacións do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e visitaron a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Peixes, Anfaco.

Esta delegación cubana tamén se reuniu co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen agradeceu a visita a Galicia e salientou que esta permite consolidar o traballo realizado durante a viaxe á illa encabezada polo presidente da Xunta o pasado mes de maio e na que participou o propio conselleiro. Fixo fincapé Conde en que as distintas reunións mantiveron os mandatarios cubanos permitirán avanzar nas vías de colaboración abertas en sectores como o pesqueiro, o conserveiro ou o naval, no marco da apertura económica que está iniciando o país. Neste eido, a delegación visitou o martes o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o mércores coñeceron as instalacións de Estaleiros Armón, en Vigo, e do Cluster do Naval de Galicia (Aclunaga).

Por outra banda, na xuntanza co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, tocáronse temas de formación e de equipos no eido da Saúde Pública. Na xuntanza, na que estiveron presentes tamén o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, a delegación cubana concretou a súa necesidade de formación de persoal de laboratorio no que respecta a análise de determinadas técnicas, e de control de determinados parámetros relacionados cos alimentos da pesca. Neste eido, se abordou a posibilidade de asinar un convenio de colaboración para avanzar nestas cuestións.

A delegación cubana estivo composta polo director do Centro de Investigaciones Pesqueras, Gustavo Arencibia; pola subdirectora deste organismo, Raquel Silveira; polo presidente do Grupo de Trabajo Estatal Bahía Habana, Santiago Reyes, polo director de Gestión de Proyectos y Colaboración deste grupo, Yosvany Armando Simón, e polo director adxunto do Grupo Empresarial de Transporte Marítimo Portuario, Luis Baró.

Ás reunións cos conselleiros tamén asistiu o cónsul de Cuba en Santiago de Compostela, José Antonio Solana, e nas visitas os membros da delegación estiveron acompañados polo presidente da Fundación Philippe Cousteau, Gabriel Portal e o seu secretario xeral, Rafael Lobeto.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/09/2016