A Xunta achega aos empresarios de Lugo información sobre a nova liña de préstamos para financiar investimentos das pemes

O director do Igape, Javier Aguilera, informa que contarán con valoración preferente os proxectos industriais, sobre todo os asociados a obxectivos da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3

O programa de préstamos directos que acaba de activarse apoiará tanto novos investimentos como actuacións de diversificación e mellora das Pemes

Poderá financiar investimentos desde 70.000 euros con préstamos directos, a partir de 49.000, con xuros fixos determinados partindo do euríbor máis un diferencial que será do 0,10% para tramos avalados por un banco ou unha SGR
 

Lugo, 22 de setembro de 2016
  • whatsapp whatsapp

O director do Igape, Javier Aguilera participou está tarde nunha xornada técnica convocada para facilitarlles aos empresarios de Lugo información polo miúdo sobre a nova liña de préstamos directos para financiar investimentos das Pemes, principalmente das industriais, que vén de publicarse no DOG.

Na xornada, que se desenvolveu na sede do Confederación de Empresarios de Lugo, Aguilera destacou a especial valoración, xunto coa necesaria viabilidade, do carácter industrial dos proxectos e a súa vinculación coas accións promovidas pola Xunta ao abeiro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e á Estratexia de Especialización Intelixente RIS3.

Mediante estes préstamos directos que concede o Igape, as Pemes poderán financiar tanto os investimentos en Galicia destinados á posta en marcha de novas plantas produtivas en Galicia como os centrados na diversificación ou mellora substancial dos procesos industriais xa existentes.

A nova liña de apoio do Igape publicouse no DOG o pasado 9 de setembro, e poderá financiar investimentos das Pemes a partir de 70.000 euros mediante a concesión de préstamos desde 49.000 euros. Os prazos de amortización, incluíndo un de carencia, serán de ata 11 anos. Os xuros serán fixos e determinaranse sumándolle ao euríbor vixente un diferencial que variará en función da contía da operación e das garantías incorporadas. Así, para os tramos do préstamo garantidos mediante aval bancario ou dunha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR), este diferencial será do 0,10%.

No encontro celebrado esta tarde en Lugo, responsables do Igape informaron ademais sobre as liñas de préstamos bancarios bonificados ou avalados para apoiar os investimentos ou o normal funcionamento das empresas. Ademais, un representante da SGR Afigal participou cun relatorio centrado nas vías de acceso ao financiamento das pemes.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2016