A Consellería de Política Social impulsa o programa Xoves interculturais da ONG Mestura a través de Iniciativa Xove

A entidade abre en Culleredo un punto de información xuvenil, para pór a disposición asesoramento e documentación sobre os recursos formativos, sociais e lúdicos na comarca

Está dirixido a mozos e mozas migrantes ou en risco de exclusión social, para un desenvolvemento tanto formativo como social de cara a atopar un emprego

Cambre (A Coruña), 23 de setembro de 2016
  • whatsapp whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou esta mañá na entrega de diplomas aos mozos e mozas que completaron o curso de repostería, organizado no marco do plan Xoves interculturais. Unha iniciativa que a ONG Mestura desenvolve a través de Iniciativa Xove, o programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado “onde a Administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas, tratando de que a burocracia ceda o protagonismo á xuventude”, en verbas da propia directora xeral.

Xoves interculturais é un proxecto dirixido a mozos e mozas migrantes ou en risco de exclusión social, co que poderán desenvolverse de xeito formativo e social co obxectivo de atopar un emprego. Deste xeito, a ONG abre en Culleredo un punto de información xuvenil, para pór a disposición asesoramento e documentación sobre os recursos formativos, sociais e lúdicos na comarca. Este proxecto tamén contén accións de sensibilización e educación en valores e actividades formativas para os mozos e mozas, como cursos de carretilla industrial, gravado de espello, manipulador de alimentos, teleoperador ou repostería.

Cecilia Vázquez tamén explicou que “este programa Xove está concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, se estimula o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas”.


Ademais, a directora xeral tamén fixo referencia ao Estudo da Universidade de Santiago sobre Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia, que foi presentando este mesmo ano e que analizou cientificamente varios programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre eles Iniciativa Xove.

Neste estudo, a satisfacción xeral coa formación adquirida no caso dos participantes en Iniciativa xove foi do 82% e ante a pregunta de si recomendarían o programa un 88% responden afirmativamente. En canto á utilidade dos coñecemento adquiridos para o emprego, responden positivamente un 76% dos participantes no programa.


Este ano un total de 122 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas se benefician do programa Iniciativa Xove. Dos proxectos financiados con este programa, 68 corresponden a asociacións xuvenís e 54 a grupos informais de mozas e mozos. En liña coas recomendacións da Unión Europea, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que financiou proxectos de grupos informais, co fin de que a excesiva burocracia non sexa un impedimento para que leven a cabo os seus proxectos.

A directora Xeral de Xuventude lembrou que Iniciativa Xove financia o cento por cen dos proxectos de interese. Así mesmo, todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, reciben un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida.


Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permitirá confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.

Data de actualización: 23/09/2016