O CDTIC da Amtega organiza un encontro no que tres Startups galegas presentarán os seus produtos e servizos tecnolóxicos

A Sesión “Coñece as experiencias de Startups tecnolóxicas: de Galicia ao mercado global” desenvolverase o 3 de novembro de 11.00 a 12.00 horas

Kiply, Twibex35 e Xesol Innovation serán as startups galegas que amosarán a súa oferta tecnolóxica

O CDTIC ofrece ás empresas TIC o espazo e os medios precisos para amosar as súas solucións TIC ante clientes potenciais
 

Santiago, 27 de outubro de 2016
  • whatsapp whatsapp

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza o día 3 de novembro a Xornada “Coñece as experiencias de Startups tecnolóxicas: de Galicia ao mercado global” (https://cdtic.xunta.gal/demo-startups) que se levará a cabo nas súas instalacións en horario de 11.00 a 12.00 horas.

Durante a Xornada, os asistentes coñecerán de primeira man o percorrido de tres startup tecnolóxicas galegas. Entre as startups atopáse Kiply (https://kiply.com/es/), que ofrece un software para medir a produtividade persoal; Twibex35 (http://twibex35.com/), coa súa ferramenta para captar o sentimento de mercado de valores e inversións; e Xesol Innovation (http://www.xesolinnovation.com/), con proxectos de eficiencia enerxética, automoción e cidades intelixentes.

Esta sesión está destinada principalmente a potenciais demandantes das solucións tecnolóxicas presentadas. Para asistir cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.
 

Data de actualización: 27/10/2016