Cecilia Vázquez participou no serán de hoxe no encontro que está a ter lugar no colexio compostelán de La Salle
Política Social participa na xuntanza da rede escolar de centros solidarios que promove a solidariedade, participación, compromiso e voluntariado entre a comunidade educativa

Na Rede de Centros Escolares Solidarios participan este ano un total de 16 centros educativos, que engloban a un total de 1.537 alumnos coordinados por 113 docentes

Todos os alumnos e alumnas participantes neste proxecto reciben un certificado da Dirección Xeral acreditativo da acción voluntaria realizada, que se inscribirá como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia

Santiago, 20 de febreiro de 2016
  • whatsapp whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou no serán de hoxe na xuntanza da Rede Escolar de Centros Solidarios que está a ter lugar no colexio compostelán de La Salle. Unha iniciativa que ten como principal obxectivo promover os valores da solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa -pais, nais, profesorado e alumnado- e favorecer que os escolares se comprometan como voluntarios, a través dunha metodoloxía activa e participativa que fomente o traballo en equipo e achegue ao alumnado a realidade do voluntariado. O programa tamén pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas, xa desde a escola ou o instituto, son capaces de ofrecer un servizo valioso e necesario á sociedade.

Na Rede de Centros Escolares Solidarios participan este ano un total de 16 centros educativos, que engloban a un total de 1.537 alumnos coordinados por 113 docentes. Cada un dos colexios desenvolve con liberdade o seu proxecto solidario ou programa propio de voluntariado, nunha dobre modalidade.

Os rapaces poden optar por un proxecto único ou ben por un proxecto realizado en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. No primeiro caso, o traballo repercute no mesmo centro ou no seu alumnado, a través dunha serie de accións voluntarias levadas a cabo polos mozos que incidan no coidado das instalacións, deseño de blogs, actividades fóra do centro escolar, elaboración de materiais multimedia, ou no apoio doutros alumnos: nas tarefas escolares, nenos con necesidades específicas, alumnado de novo ingreso. No segundo caso, os mozos e mozas realizan actividades solidarias a favor da entidade de acción voluntaria. As actividades poderán ser moi variadas, e sempre en función da entidade destinataria, como facer unha tómbola para conseguir fondos, organizar unha obra de teatro ou un concerto de panxoliñas no Nadal.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado presta apoio e asesoramento aos centros escolares que se adhiren ao programa, que reciben unha unidade didáctica sobre voluntariado elaborada de xeito especial. Esta coordinación compleméntase con charlas e sesións formativas, ademais de por a disposición dos centros interesados todos os seus recursos e medios técnicos dispoñibles na materia.

Todos os alumnos e alumnas participantes neste proxecto reciben un certificado da Dirección Xeral acreditativo da acción voluntaria realizada, que se inscribirá como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia.

A Rede de Centros Escolares Solidarios forma parte do labor de fomento do voluntariado nos máis novos. Os mozos galegos teñen a posibilidade de desenvolver un itinerario voluntario completo e continuo. Un itinerario que comeza co programa ‘Móvete’ para os primeiros cursos de primaria, o Pasaporte Solidario dirixido a mozos de ata 12 anos, continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de secundaria, e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos.

Data de actualización: 20/02/2016