A Xunta impulsará a través da estratexia do cooperativismo o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación do sector

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago no peche da xornada sobre os resultados do servizo Icoopera para potenciar a I+D+i e as TIC nas cooperativas galegas

Toca indicou a importancia de introducir cambios tecnolóxicos e de innovación no sector co obxectivo de incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir

A Xunta está a deseñar a nova Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020 co obxectivo de promover a competitividade e internacionalización do sector
 

Santiago, 25 de febreiro de 2016
  • whatsapp whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na clausura da xornada sobre os resultados do servizo Icoopera para o impulso da I+D+i e das TIC nas cooperativas galegas, onde destacou que a nova Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, na que está a traballar o Goberno galego, impulsará o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación do sector.

Toca salientou a importancia de introducir cambios tecnolóxicos nas cooperativas e de que leven a cabo un proceso de mellora da súa competitividade e fortalecemento interno incrementando o seu tamaño, co obxectivo de dotar ao sector dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir.

A secretaria xeral de Emprego indicou, neste senso, que a nova Estratexia recoñece a necesidade de promover a realización de actividades conxuntas nos diversos ámbitos empresariais, entre eles a tecnoloxía e innovación, a través de distintas fórmulas organizativas para acadar a dimensión competitiva que requiren certos mercados nos que habitualmente operan as cooperativas. Este sector na actualidade aglutina a preto de 90.000 socios (un de cada doce fogares galegos conta cun membro que é cooperativista) e dá emprego directo a máis de 10.000 persoas, cifra que se duplica se se ten en conta os empregos indirectos e inducidos.

Así mesmo, a secretaria xeral de Emprego apuntou que a Estratexia impulsará os procesos de I+D tecnolóxico, ambiental, social e cultural nas empresas cooperativas, tendo en conta a súa realidade e dimensión, asesorando nos procesos e acompañando na súa posta en marcha.

Por último, apuntou que a obxectivo de introducir cambios tecnolóxicos neste sector contribuíu o Programa Icoopera, un servizo gratuíto ás cooperativas galegas de asesoramento e formación en novas tecnoloxías (TIC), así como en procesos de investigación, desenvolvemento e innovación.

Esta iniciativa, que se iniciou o marzo do ano pasado, está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia. Entre os resultados obtidos ao longo do desenvolvemento deste proxecto destacan a participación de preto de 400 persoas nas accións divulgativas de sensibilización e dinamización e actividades formativas tanto en materia de I+D+i e en TIC, así como o desenvolvemento de programas de inmersión nestes dous eidos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/02/2016